Premio para 30 anos de apoio ao ensino galego da AS-PG

CULTURA

12 abr 2008 . Actualizado a las 02:25 h.

Na procura dun ensino galego, na expresión e nos contidos. Este era o lema que en 1978 envolvía o nacemento da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Eran tempos nos que a música folk empezaba a agromar con temas como unha fermosa cantiga de berce para aqueles nenos que estaban a piques de ir para a escola: «Durme meu neno, non chores; mira esta lingua que falo, desprezada por lingua de pobres, lingua escrava...». O alento para acadar aquel obxectivo dun ensino galego viña de moito tempo atrás, do século XVIII, aínda que tiña exemplos mais recentes como eran aquelas misións pedagóxicas dos anos trinta que ían a pobos e vilas e nas que estaba implicado Rafael Dieste.

O escritor de Rianxo foi precisamente un dos participantes, despois da súa volta do exilio nos anos oitenta, nas primeiras actividades de AS-PG, centradas case sempre en xornadas de apoio ao profesorado, de orientación nas titorías, de educación especial e, sobre todo, de lingua e literatura. E sobre o galego, a AS-PG promoveu a última normativa, durante a presidencia de Alberte Ansede, un traballo silencioso durante meses.

A relación de actividades, e sobre todo de xente de todos os estamentos que ten pasado polas mesmas, é amplísima, tal e como enumera o actual presidente da entidade, Xoán Costa. Lembra que un dos escritores que asistiron a gran parte dos actos da asociación durante estes trinta anos foi o poeta Manuel María, sobre o que en 2005 organizaron numerosos actos, desde un congreso na Coruña ata a exposición sobre Manuel María.

Ao mediodía de hoxe, no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, a AS-PG recibirá a homenaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega chamada Os bos e xenerosos. Esta é a quinta edición deste premio, xa concedido a persoas como Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo ou a entidades como o Museo do Pobo Galego.

Desde a asociación de escritores salientan que nalgunhas das novedosas propostas metodolóxicas para o ensino, «levadas a cabo por boa parte do profesorado ligado a AS-PG, tómase como punto de partida a obra literaria das nosas autoras e dos nosos autores, nunha sorte de viaxe que, en síntese, parte do signo literario para aproximar á nosa historia, á nosa economía, á nosa arte, etcétera».

Xunto co apoio ao profesorado, a AS-PG colabora noutras actividades didácticas, como son o Correlingua ou actividades audiovisuais, roteiros, feiras do libro, expresión oral ou xornadas da muller, polo que son máis de dez mil persoas as que participan nas súas actividades, segundo Xoán Costa.