Na Lei do Libro e da Lectura promulgada pola Xunta de Galicia recoñécese a importancia da rede de librerías para unha difusión do libro, ao tempo que se entende que o libreiro é ademais un «axente cultural», recoñecemento que tamén se fai na lei española.
A situación das librerías galegas, a súa peculiar dispersión e o seu carácter polivalente en canto á venda de produtos colócaas no ámbito rural como unha referencia de carácter cultural que, en moitos casos, é case a única.
Os informes máis recentes sinalan que canto máis pequena é unha localidade máis importancia ten unha libraría na difusión do libro. No caso galego, o sector editorial e máis o libreiro están de acordo en que as librerías son imprescindibles para que o libro galego teña visibilidade. As pequenas librerías, as situadas nas vilas e nas aldeas son, en algúns casos, o único lugar no que poden atoparse libros. Segundo a federación galega, hai unha potencialidade nestes establecementos entendidos como axentes culturais, unha potencialidade que pode ser estratéxica cando se trata do libro galego.
Segundo os estudos da federación, «a presenza do libro galego na sociedade depende do fortalecemento da rede de librerías en Galicia e da presenza do libro galego en todas as librerías».
Algúns problemas detectados nesta relación teñen que ver, en primeiro lugar, cos problemas que os libreiros galegos encontran nos servizos de novidades, que consideran excesivos. Cren que se produce saturación e que o que o sector se ve afectado polas dificultades de devolución dos excedentes de fondo e novidades, do que se resente a economía das librerías máis pequenas. A outra dificultade que encontran os libreiros ten que ver coa falta de estratexias comúns para a difusión do libro galego. Segundo os libreiros, a porcentaxe de facturación dos volumes en galego suma o 18% do total que facturan as librerías e desde a federación deféndese o compromiso que o sector mantén na difusión do libro no país.
Neste sentido recoñecen que, desde o punto de vista da visibilidade dos libros galegos, aínda hai unha dependencia grande das lecturas recomendadas nos centros escolares e dos libros que conseguen algún tipo de premio, o que, segundo os estudos, concentra a demanda dos lectores en determinados títulos.
Nos informes dos que dispón a federación galega tamén queda recollida a atomización do sector libreiro en Galicia, ao advertir que só o 16% das librerías no país son negocios que contan con máis dun establecemento.
Esta dispersión que amosan os estudos dificulta a utilización de recursos comúns e obriga a depender máis das redes de distribución, impedindo a posta en marcha de recursos comúns para a difusión do libro galego, así como elementos compartidos para a súa publicidade.