A economía primaveral dos enterros

Camilo Franco

CULTURA

06 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os expertos aseguran que a fenda das tecnoloxías é más xeracional que económica. Culturalmente xeracional. ¿Non sucede así con todo?

Non o enterredes máis. A Fonsagrada cumpriu co rito da dixitalización e o que a min me gustaría ver nesa televisión do futuro é como Curros Enríquez entrevistaba a Rouco Varela. Había ser máis divertido que os debates de candidatos e que os clubs da comedia. Na televisión de agora teño que conformarme co cortexo coruñés que lembra ao poeta. Volvemos ao rito funerario e, contando mal, debe ser a terceira vez que enterramos a Curros. Co vivo que está.

Pesadelo dunha noite antes do verán. O mércores tiven un pesadelo. O sol volvía a facer rir a primavera e a xente, sorprendida, ateigaba as librerías e bibliotecas para conseguir lecturas máis frescas e desfacerse das calóricas do inverno. Eu chegaba tarde e había colas en todos os andeis con libros de temporada e, por máis que tentaba alcanzar o último de Quim Monzó, a hora de peche achegábase e seguía lonxe. O xoves acordei e o sol déralle a volta ao clima do inverno. Baixei ao centro coas terrazas floridas e o medo era irracional. A xente aproveitaba o furor do verán anticipado enchendo todas tendas do grupo Inditex.

Por que lle din economía. No Consello da Cultura falan de globalización económica. Os expertos falan da situación como se non fose opinable. Falan do mesmo modo que se a economía constituíse unha ciencia exacta, pero a experiencia demostra que non hai ningunha más especulativa. Xogan ás predicións coma gurús antigos aproveitando que, como adiantou Marx, todo é economía. Pero cando acaban de falar nunca se fan cargo das facturas.