Un proxecto multimedia divulgará os xogos e as cantigas tradicionais


Chámase Pelo gato 24 e é un libro-cedé-deuvedé que ten como obxectivo difundir xogos e cantigas tradicionais galegas entre os escolares de educación primaria do país. É un proxecto impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e está coeditado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o selo discográfico PAI Música.

O libro, de 64 páxinas, inclúe fotos e textos que documentan os xogos e as cantigas. O disco contén trece cantigas, ademais dunha pista interactiva na que se recollen fotografías, letras e playbacks das cancións. A dirección musical estivo en mans de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, e os participantes son Leilía, Fuxan os Ventos, Migallas, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, César Longa, Begoña Riobó, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Xosé Liz e la charanga Vai de Baile. Finalmente, o deuvedé reúne unha serie de xogos tradicionais, unha sección cun make off (así se fixo) , varios videoclips e un playback das cancións.

«Un dos obxectivos que nos marcamos na Asociación de Gaiteiros é levar a cultura tradicional á educación dos rapaces», explica Pablo Carpintero, membro da Asociación de Gaiteiros Galegos. «Iniciamos varios traballos coa música como valor pedagóxico para rapaces. Hai dous anos puxemos en marcha o disco Kikirikí , dedicado as cancións tradicionais de Nadal, e agora demos un paso máis co Pelo gato 24 », engade Carpintero.

Seguindo esta idea, o proxecto pretende ser unha ferramenta de traballo para docentes e tamén para familias. De feito, o documental que recolle o deuvedé é un manual de seis xogos tradicionais, recreado por uns nenos, que se complementa coas explicacións do libro e as músicas do disco.

Educación compensatoria

«Como mestres, somos conscientes de que non abonda o material con música galega tradicional, e por iso este traballo quere suplir esas eivas», explica Paulo Nogueira, que xunto a Magoia Bodega asumiu a dirección musical do proxecto. «Antes as tradicións transmitíanse nas casas, pero agora esa cadea vai desaparecendo, polo que é necesaria unha educación compensatoria nas escolas», di Nogueira, que conxuga a súa vida como mestre cos seus gustos como gaiteiro en Treixadura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Un proxecto multimedia divulgará os xogos e as cantigas tradicionais