Que cada sector asuma a importancia que a feira pode ter para a proxección

La Voz

CULTURA

24 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Segundo Alfonso García Sanmartín, a experiencia da primeira edición de Culturgal foi boa e serviu para «poñer de manifesto que hai moito no que traballar, que hai moitos sectores dispares na cultura do país e que é necesario poñelos de acordo para que se exhiban como un conxunto».

Neste sentido, para o presidente dos editores, este é o reto para a segunda edición, sobre todo se «medra en tamaño, en cartos e queremos que medre tamén en difusión e repercusión social». Para conseguir estes obxectivos, Alfonso García Sanmartín considera que é necesaria unha maior implicación de cada un dos sectores da cultura galega «de maneira que cada un deles poida realizar un programa sobre a súa área e que este programa poida coordinarse con outros sectores».

Para o presidente dos editores a maior implicación directa de Cultura e máis os cambios organizativos deberían favorecen estes procesos e o incremento presupostario debería ter unha repercusión directa «no resultado e na imaxe que a cultura galega poida ofrecer tanto cultural como industrialmente».

O presidente dos editores indicou que Culturgal ten que ser un «instrumento efectivo na proxección da cultura galega e un escaparate de conxunto para todos os produtos que se fan en Galicia relacionados co mundo da cultura».