Maior participación de Cultura e ampliación da estrutura

La Voz

CULTURA

24 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As novidades do Culturgal non afectarán só á parte visible desta feira das industrias culturais galegas. Segundo o presidente dos editores galegos, haberá cambios organizativos. Entre eles, unha maior participación directa da Consellería de Cultura nas actividades da feira.

A ampliación presupostaria e a maior presenza da consellería implicará tamén unha programación que ten que medrar, segundo o presidente dos editores, de maneira que todos os sectores presentes na feira amplíen as súas actividades, ben sexan concertos, presentacións, obradoiros ou presenza expositiva.

Para Sanmartín isto obriga a utilizar unha estrutura organizativa na que estean presentes de maneira efectiva todos os sectores da cultura galega.

Segundo o presidente dos editores, porase en marcha unha comisión que agrupará a representantes de cada unha das comisións que deberán traballar en cada un dos sectores culturais que participan na feira. Sanmartín considera que este sistema será máis eficaz e flexible.