Os clásicos chegan ao galego

Camilo Franco

CULTURA

Narradores de Galicia traducen a algúns dos autores máis importantes da literatura universal do século XX, como James Joyce, William Faulkner ou Vladimir Nabokov

18 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai libros marcados co peso da cultura occidental. Tres de eles teñen versión en galego baixo a man de outros tantos narradores. O ruído e a furia, de William Faulkner, en tradución de Xurxo Borrazás; Lolita, de Vladimir Nobokov, traducida por Xesús Fraga; e o Ulysses, de James Joyce, con versión a tres bandas de Xosé María Sanz-Pena, Eva Almazán e Xavier Queipo.

A primeira delas está xa nas librerías da man de Galaxia, a segunda chegará en maio co selo de Rinoceronte, e a terceira agarda, tamén en Galaxia, a que se resolvan problemas cos dereitos de autor.

As tres novelas que marcan unha parte decisiva da narrativa do século XX teñen as súas dificultades de tradución. Borrazás sinala que «quen coñeza a novela sabe que toda ela é unha complicación, xa non para traducila, senón para lela, mesmo para un falante de inglés e lector experimentado, especialmente as partes narradas por un diminuído psíquico e polo seu irmán esquizofrénico».

Xesús Fraga sinala a sintaxe e os xogos de palabras como unha das dificultades de Lolita, «a sintaxe complexa do narrador e polas claves internas do libro, con alusións semiagochadas e referencias máis ou menos crípticas as claves do funcionamento da historia. Outra, os xogos de palabras constantes de Nabokov e as súas múltiples e variadas referencias, dende personaxes da mitoloxía clásica á obxectos cotiás da vida nos Estados Unidos de mediados do século XX».

Para Borrazás enfrontarse á novela de Faulkner é como «coma traducir catro ou cinco libros porque a prosa de cada parte, incluído o Apéndice do autor, que tamén se publica, é moi diferente».

Fraga sinala que hai unha dificultade nos «xogos fonéticos, non só as aliteracións, senón tamén determinadas formulacións, como frases que pronunciadas soan iguais ou moi semellantes, pero que escritas teñen significados diferentes». Para o autor de A-Z, as maneiras de Nabokov «obrigan a buscar unha versión que literalmente pode ser distinta, pero trata de reproducir fielmente o efecto que buscaba o autor».

Xurxo Borrazás sinala que estas complexidades da novela proceden da insatisfacción: «Faulkner dicía que non quedaba satisfeito cada vez que contaba a historia e tentábao dun xeito diferente, para poder ceibarse dela. Este carácter de obra en construción, ou imperfecta, é atractivo para o lector». O escritor galego sinala que «para o tradutor é coma traducir unha antoloxía de poesía».