«A un can bravo, se lle foxes, estás perdido»

La Voz

CULTURA

18 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Escritores enfrontados á obra, un traballo que, segundo Queipo, «madurece a prosa propia». O autor de Ártico apunta que «un escritor só pode saír enriquecido logo dese traballo», engadindo que é necesario un «exercicio de contención maior».

Borrazás ponse cómico para explicar como se preparou para o labor en conversa ideal co escritor: «Oes, ti, Faulkner, se imos estar xuntos nove meses, é mellor que nos levemos ben. ¿Que tes ti que eu non teña? A min ás veces tampouco me quedan mal as cousas; e se me pasases o manuscrito, habendo confianza, aínda che facía catro suxestións. Detalliños». O novelista asegura que cando escribiu Criminal «tiña certa querenza por Faulkner», así que salda «unha débeda». En canto ás dificultades, a postura do escritor é clara: «A un can bravo, se lle foxes, estás perdido».

Para Xesús Fraga, quen tamén traduciu ao galego a Julian Barnes, o feito de ser escritor é interesante se o tradutor «ten boas competencias nas linguas de saída e chegada, e domina os recursos literarios, pode ofrecer unha visión interesante dunha obra traducida, aínda que ten que ter claro o papel de transmisor e adaptarse a esa faceta». O autor de Solimán comenta que o escritor que tamén traduce vén de lonxe: Cortázar, Salinas, Marías, Barnes... todos traduciron. «Na literatura galega o fenómeno cobrou unha especial relevancia tanto pola curiosidade intelectual de moitos escritores (Otero, Cunqueiro) como polo feito de que non había literatura universal en galego».