Oro Claro reflexiona sobre a «Maldita Europa»

M. B.

CULTURA

13 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Fundación Granell fai rexurdir unha vez máis a pegada do surrealismo na arte galega actual, nesta ocasión a través da figura do artista alaricán Xurxo Oro Claro, coa súa exposición Maldita Europa , inaugurada onte na súa sede compostelán.

O título non é baladí nin moito menos, senón unha idea expositiva coa que o artista levanta auténtica acta notarial da súa declaración de intencións e atención artísticas que articula arredor de tres eixes temáticos, «os novos rostros de Hydra»: os fluxos migratorios, a violencia sexista e o maltrato infantil. Varias instalacións, unha videoproxección e tres series fotográficas conforman a exposición de Oro Claro na que o corpo humano e a súa fragmentación é o vehículo plástico utilizado para a súa materialización. O talante máis universalista das instalacións contrasta coa especificidade das series fotográficas que presentan de xeito mais concreto aquelas tres terribles lacras da sociedade contemporánea.

A proposta do artista galego na Fundación Eugenio Granell pretende brindar una descarnada reflexión sobre a violencia creada no noso entorno cotián. O corpo humano e a súa fragmentación é o vehículo plástico utilizado para esta exposición, cobrando na obra de Oro Claro entidade de idea estética en si mesma e medio de transmisión de significado na actualidade.

Con Maldita Europa , que estará aberta ao público ata o 14 de maio, o creador galego quere ofrecer unha oportunidade única para reflexionar dende a arte sobre o noso tempo presente. Nese sentido, as sociedades xeradas polas democracias europeas na era do tardocapitalismo, a Europa da abundancia, se nos presenta a través da súa última obra como «un corpo enfermo, lacerado polas feridas aínda abertas». A exposición reflicte as estratexias formais e conceptuais na obra do artista, inscrita na estética do fragmentario, na que fragmentos dun corpo-ser incompleto, mutilado, rematan creando no espectador unha verdadeira angustia.