A súa terra natal acolleu onte actos en torno ao centenario da súa morte
09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Dar a coñecer un dos aspectos menos estudados da vida de Manuel Curros Enríquez centrou a actividade desenvolvida onte na súa terra natal, Celanova, dentro dos actos organizados para celebrar o centenario da súa morte. O mosteiro celanovés foi o lugar elixido para a posta en común dunha xornada de descubrimento de Curros Enríquez coma xornalista, quizais un dos aspectos menos estudados do autor.
O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, foi o encargado de iniciar as series de relatorios que achegaron aos presentes distintos aspectos da carreira profesional de Curros. Salgado achegou a súa faceta de reporteiro de guerra no xornal El Imperial . Destacou o secretario xeral catro aspectos importantes de Curros Enríquez coma reporteiro: viviu os feitos de preto respirando a súa atmosfera, dispuxo de boas fontes de información, non perdeu nunca a visión social do xornalismo e era consciente dos perigos que había en exercer mal o xornalismo, coma espello deformante da realidade.
Recordou Fernando Salgado que a presenza de Curros Enríquez no País Vasco en plena Guerra Carlista converteuno no primeiro correspondente de guerra galego.
Os relatorios dividíronse despois para contar a presenza do escritor galego en distintos medios de comunicación, tanto en Madrid, coma en Ourense ou na Habana.
Muller e emigración
O historiador Marcos Valcárcel, coñecedor do mundo xornalístico na provincia de Ourense, achegou a colaboración de Curros nos xornais ourensáns e concretamente no Correo de Celanova . Curros Enríquez falaba sobre a muller e a emigración, contra o caciquismo, sobre a guerra de Marrocos e, sobre todo, salientou os seus artigos que trataban o rexionalismo, dende onde afirmaba a necesidade de ser e de sentir de Galicia.
A presenza en Cuba de Curros Enríquez e os seus artigos en xornais coma La Tierra Gallega foron abordados polos profesores e investigadores Xosé López e Rosa Aneiros. Xosé Luís Alvite falou dun artigo inédito de Curros e Xesús Alonso Montero da poesía, o xornalismo e o compromiso do homenaxeado. O acto de homenaxe contou ademais coa actuación de Luis Emilio Batallán, que interpretou temas de Curros, e coa proxección dun vídeo sobre o poeta homenaxeado e o himno galego na Habana.