«Para as mulleres ningún tempo pasado foi mellor»

CULTURA

Marilar Aleixandre vén de lanzar a obra «Mudanzas», premio Caixanova 2006

31 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Autora de novelas como Teoría do caos, A expedición do Pacífico e Rúa Carbón, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) debutou hai oito anos na poesía con Catálogo de velenos, unha obra que lle valeu o Premio Esquío e á que lle sucederon Desmentindo a primavera e Abecedario de árbores.

Postos a escoller un xénero literario, ela elixiría o do relato curto, aínda que na súa «identidade múltiple» encaixan sen problema a novela, a tradución, o ensaio e a poesía, artes que compaxina coa da docencia. A escritora que naceu «cun billete de metro nos dentes» e se declara «cen por cen urbana» vén de lanzar da man do PEN Clube e a editorial Danú o poemario Mudanzas, un diálogo intertextual en clave irónica coas Metamorfoses de Ovidio, que acadou o quinto Premio Caixanova.

Marilar Aleixandre escribe para tres tipos de público, infantil, xuvenil e adulto, e a preferencia por un ou outros «depende do caso». «O público máis novo é moi agradecido. Pero eu, que teño experiencia en institutos, con rapaces de secundaria, valoro esa capacidade súa para involucrarse nas historias de ficción. Houbo quen me preguntou por un personaxe de Rúa Carbón, como se realmente existise. É fascinante que os personaxes dos teus libros poidan concibirse como reais», confesa.

Tal como revela na súa web, Marilar Aleixandre aprendeu a escribir redactando artigos para periódicos de partidos clandestinos, nunha época, a dos anos sesenta, que recorda «terriblemente dura, sobre todo pola censura en cousas absurdas, que agora, vistas dende a distancia, moven á risa». «Para a xente nova é moi difícil facerse á idea do que era a ditadura, comprender a importancia que naquel entón tiña, por exemplo, o certificado de boa conduta», explica a autora, que non pertence a esa clase de nostálxicos que pensan que o mellor está na memoria: «Para as mulleres ningún tempo pasado foi mellor, só hai que recordar que daquela acadaban a maioría de idade aos 21». «Está claro que, en canto á igualdade entre sexos, avanzouse moito no aspecto legal e no social -afirma-. Quizais a da muller foi a única revolución que triunfou no século XX, pero aínda queda moito para chegar á igualdade total. Na Universidade de Santiago, por exemplo, hai un catedrático por cada 1,5 titulares varóns e, en cambio, só unha catedrática por cada once mulleres».

Aínda que o feminino cobra un tratamento singular en Mudanzas, pola vontade da autora de rescatar da invisibilidade o labor mudo de tantas mulleres, Marilar Aleixandre rexeita o «absurdo» clixé segundo o cal existe unha literatura en feminino: «Esa clasificación por razón de sexo resta singularidade á voz individual. Eu pódome recoñecer máis no que escribe un home que na obra dunha muller; e houbo escritores varóns que retrataron perfectamente a mentalide feminina, como Flaubert. Non escribimos co corpo». No poema que inicia estas Mudanzas, a escritora aniquila toda distancia espazo-temporal para dirixirse ao mesmo Ovidio e advertirlle: «Non traduzo, traizoo». Mais esa traizón da que dá conta Aleixandre só persegue evidenciar a actualidade do clásico, acadar unha maior fidelidade respecto ao seu sentido orixinal. «Nesta obra eu tomo personaxes, dúas liñas dun texto e sobre iso constrúo outra historia; a iso me refiro con traizón. Percorrer a paisaxe sentimental e afectiva dos nosos días permite achegar a un autor como Ovidio ao 2007», explica.

Respecto ao panorama actual da literatura made in Galicia, a autora da «lingua partida» acolle con optimismo o notable volume de produción en galego: «O nivel da literatura que se fai en galego non é inferior ao doutras linguas, como o castelán. Para que saian cada ano catro ou cinco libros bos, ao mellor hai que producir uns 50 ou 60 -asegura-. En todo caso, creo que é necesario que haxa produción, e ademais vexo moito mellor que a xente se dedique a escribir que, por exemplo, a entreterse con videoxogos».