«Hai moitos libros de poesía e non todos chegan a un nivel aceptable»

Camilo Franco

CULTURA

A escritora defende alén da mítica a relación de parentesco entre os pobos celtas e asegura que «fomos nós os que levamos o celtismo a Irlanda»

24 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Luz Pozo acaba de incorporar o premio Letras de Bretaña á longa lista de distincións. A poeta, que pide un pouco de distancia para valorar a altura na que se encontra a lírica galega de hoxe, asegura que cre nese mito da Galicia celta.

-¿Cal é a verdadeira incidencia dos premios na vida do poeta?

-Hai varias interpretacións, cada unha segundo o ánimo de cada quen. No meu caso, entendo que un premio é un agasallo, que hai xente que quere recoller o que se fai en Galicia e que os premios manifestan a solidariedade cos gañadores. Recibir un premio dá moito agarimo e moita ilusión. Por outra parte, tamén dá moito ánimo. Coa idade que teño, estes premios dan ánimos porque explican que xente te quere e te le. Hai máis vectores e habería que analizalos, pero os premios transmiten unha sensación de comunidade.

-E que a nominasen ao Premio Nobel xunto con Méndez Ferrín desde a Asociación de Escritores, ¿como o ve?

-Eu fun compañeira del no instituto, admiro a súa escrita e creo que a del é unha candidatura que pode chegar. No meu caso a proposta dá ánimos pero non creo moito que funcione fóra.

-Pero é a primeira galega proposta para un Premio Nobel.

-Nunca penso niso. Aínda que me dá moita alegría porque penso que todas as mulleres de Galicia deron nun paso adiante. É unha conquista de visibilidade como se di agora e as mulleres estamos moi necesitadas de que se nos vexa. Moitas poetas me chamaron para dicirme que se alegraban polo nomeamento e creo que para o colectivo está ben.

-Letras de Bretaña é un premio que recoñece as relacións dos autores galegos con ese territorio alén do xeográfico. ¿Cal é a súa relación?

-Hai anos que veño falando do celtismo en Galicia. Teño un filla casada en Irlanda cun home irlandés e teño netos irlandeses, pero tampouco é isto o que condiciona a miña visión. Eu non vexo a relación de Galicia con Irlanda como un mito. Sei que os historiados non están moi de acordo con que sexamos descendentes do celtas, pero eu penso que si, que existe esa liña. Cando lin o Leabhar Ghabhala (Libro das invasións) dinme conta que hai unha relación entre os pobos célticos e o pobo galego. Non descarto que haxa mítica, pero creo que nós somos eses milesios dos que falan e que, polo tanto, esteamos directamente emparentados. É posible que sexamos nós os que fósemos a repoboar unha parte de Irlanda.

-Pero cando os historiadores din que non pode ser, ¿como responde?

-Respondo poeticamente porque estou nunha tradición na que tanto Murguía como Pondal defenderon ese parentesco celta. Iso sen contar con Risco que podía ter unha certa obsesión ou non, pero que era un home cultísimo e intelixente. Eu contesto que fomos nós, os celtas os que fumos levar o celtismo alá. Os historiadores non poden demostralo de momento, pero xa se verá.

-Cando se fala da idade de ouro da poesía galega, di que se é de prata xa está ben.

-Hai demasiado libros de poesía e, segundo o meu criterio, non todos chegan a un nivel aceptable. Hai moito publicado e creo que habería que filtrar. Ademais, os presentes non podemos dicir que é bo, necesitamos un pouco de tempo.

-Cando publica un libro sempre fala de non seguir.

-Cando un termina un libro parece que non tes máis que dicir, non tes máis inspiración. Para min todo é inspiración. Non sabes nunca se poderás seguir. Publiquei hai pouco As vodas palatinas e vin que estaba con inspiración porque o centrei en épocas pasadas, como se eu vivise aínda como hai trinta anos. Fun capaz de poñerme en aquel momento e de recuperar a transparencia e a frescura daqueles sentimentos.