No 2005 o Parlamento español amosou o seu apoio unánime á candidatura

La Voz

CULTURA

02 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«Partimos dunha posición de vantaxe, xa que o informe da Unesco foi moi favorable», recorda Santiago Veloso, da asociación Ponte nas Ondas, unha das impulsoras da candidatura. «Sería unha mágoa non aproveitarnos diso».

Cando se presentou a primeira candidatura hai dous anos, o Parlamento español amosou o seu apoio unánime. Ademais houbo apoios de europarlamentarios, e de persoas como Federico Mayor Zaragoza, José Saramago ou Nélida Piñón, entre outras personalidades do mundo da cultura. O presidente da Xunta de Galicia manifestou o 8 de marzo do 2006 no Parlamento de Galicia a súa intención de impulsar novamente a candidatura.

A proclamación da Unesco suporía colocar no mundo a cultura común galegoportuguesa, xa que a Unesco promovería esta cultura en todo o mundo e sería un atractivo máis para os visitantes que veñen a Galicia e a Portugal.

Mentres tanto, as máis de oitenta asociacións (algunhas son federacións de asociacións) comezaron novamente a facer accións para reclamar a presentación oficial da candidatura. Hai unha semana, a asociación Ponte nas Ondas, que agrupa a centros de ensino de Galicia e Portugal, fixo unha ocupación simbólica das pontes que unen ambos os dous países no río Miño. Mais de dous mil nenos participaron no acto.