A gañadora do Xerais considera que hai «unha necesidade de fin de ciclo» na súa xeración para destilar a falta de memoria histórica das anteriores
09 nov 2007 . Actualizado a las 03:15 h.A última fornada dos premios que organiza anualmente Edicións Xerais chegan estes días ás librerías. Rexina Vega estrea novela e, segundo ela, unha carreira literaria «serodia» que lle permite gardar un pouco de distancia coas cousas que pasan.
-Na súa novela hai guerra civil e memoria. ¿Por que ese conflito?
-O máis importante da novela é o desexo de facer unha reescritura da memoria, da memoria persoal, da familiar e, doutra banda, o intento de analizar a esas xentes que se quedan a medias. Polo medio está ese conflito, está na novela porque está por medio dos personaxes. Eu fun educada polos meus avós e sempre sentín fascinación por ese tempo, polas historias que escoitaba de pequena. O conflito permite tamén que cada un dos personaxes teña que posicionarse, facerse preguntas. En Cardume se trata de ver como funcionan os mecanismos de comportamento da xente neses momentos que se poden considerar límite.
-A guerra é un xeito de paisaxe, como unha circunstancia para forzar aos personaxes.
-Neste caso, a guerra podería ser calquera guerra. É unha situación extrema que require un posicionamento moral. Podería ser unha guerra ou unha situación de acoso laboral. Son circunstancias que obrigan aos personaxes.
-A novela aparece, en calquera caso, nun momento de moito movemento arredor da recuperación da memoria.
-Calquera podería pensar que é unha manobra. Pero a miña pregunta é ¿por qué somos tantos escribindo sobre o mesmo? A min, a novela naceume, saíume así. De cativa, con doce anos ou así, soñaba con ser miliciana, de feito sempre quixen ser miliciana. Estas cousas sempre exerceron sobre min unha fascinación épica. Creo que somos dunha xeración con pais completamente varridos polo nacionalcatolicismo e que vivimos con ese referente de que se puido dar outra circunstancia, que o mundo puido ser doutro xeito. O que se produce agora é o resultado da necesidade de elaborar a memoria. Esa falta de memoria forma parte do noso imaxinario e quizais o que sucede agora é que o estamos destilando. Tamén creo que somos a última xeración que se vai ocupar disto. É a necesidade de fin de ciclo.
-Tamén forma parte da actualidade cultural a emerxencia da literatura de muller.
-Escribo sendo muller. Mentiría se dixese que a miña literatura non ten sinais de xénero. Pero loitei moito para que non se notasen. O que me interesa son as marxes, reivindicar a marxinalidade e a diferenza. Eu son fan do posporno e do seu manifesto contrasexual de Beatriz Preciado. A idea é que o sexo, actualmente, é máis unha cuestión cultural que unha cuestión biolóxica. Interésame a visión dos individuos marxinais.