«A literatura xuvenil é unha illa, unha terra de ninguén»

La Voz

CULTURA

09 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

An Alfaya encóntrase cómoda con esta novela, cos personaxes e mesmo coa portada, «que é unha metáfora sobre a soidade e a incomunicación que, no fondo, é do que trata a obra».

-Fálase de que este libro é unha historia iniciática.

-Non é un adxectivo que lle buscase eu e tampouco sei moi ben que quere dicir. Non a concibín nese sentido e o protagonismo está repartido ao 50% entre unha rapaza nova e unha esmoleira que é adulta. A parte que me gusta máis é a do diario da vagabunda, así que creo que nese sentido non está condicionada polo xénero.

-O xénero xuvenil está como a medio camiño nas clasificación editoriais.

-Estamos nunha illa, nunca mellor dito. É unha terra de ninguén, pero ten a vantaxe de que hai unha parte dos lectores adultos que se achegan a el. Escribes para unha idade e de aí en diante. É unha porta aberta que ás veces padece de certo encadramento.

-¿Pero hai que poñerse no corpo dun mozo para escribir xuvenil?

-Non necesariamente. Imaxina que tiveses que poñerte na pel dun asasino para escribir sobre asasinatos. Eu tentei en Illa Soidade fuxir dos tópicos porque si me parecen simplificadores. Polo demais, creo que as historias non teñen que concordar co que ten que ser, senón coa intención do autor.

-¿Pero ten limitacións de partida o xénero xuvenil?

-Ni máis nin menos que o de adultos. Para min non hai diferenzas e creo que o asunto é, no meu caso, unha cuestión de posta a punto. Hai historias que comezan para adultos e acaban para mozos. Non hai dificultades diferentes.