«Coa literatura pódese aprender, pero a súa función non é didáctica»

La Voz

CULTURA

09 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Enfrontado a sacar da actualidade algo que mereza un sorriso, Carlos López utiliza a literatura infantil como reverso de formar parte de Pinto & Chinto nas páxinas deste mesmo xornal.

-En «Minimaladas» hai algo que lembra ás vellas fábulas con animais.

-Non me atrevería a dicir que escribo fábulas, entre outras cousas porque non hai sentenza moral nos meus contos. É verdade que quen inventou iso de identificar comportamentos humanos cos animais inventou algo moi bo. Eu tento xogar coas características de cada animal para facer o conto, a cor do camaleón ou a melena do león.

-¿A literatura infantil ten que ter sempre un algo de didáctica?

-A didáctica é algo do pasado. Está ben para os libros de texto, pero creo que non para a literatura. Coa literatura pódense aprender moitas cousas, pero a súa función non é a didáctica.

-¿O libro é unha colección de contos curtísimos?

-Eu véxolle moitas vantaxes á brevidade. E para os nenos moito máis. Logo é unha distancia na que me sinto moi cómodo, da mesma forma que hai atletas que se especializan nas carreiras rápidas, a min gústame este tamaño. Ademais, quizais pola influencia do xornalismo, teño tendencia a quitar o superfluo.

-O libro está ilustrado polo seu socio de viñetas, David Pintor. ¿Tíñao previsto?

-Non. O libro naceu pola súa conta e despois do premio foi cando se buscou un ilustrador. Que sexa David é estupendo porque fixo un traballo espectacular.