Manuel Valcárcel e Sebastião Salgado centran dúas mostras de fotografía

C. P.

CULTURA

A cámara do galego documenta a nómades nos cinco continentes, e a do mestre brasileiro, trinta anos de África

17 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Fundación Caixa Galicia ofrece en Santiago dúas exposicións de fotografía que achegan a grandeza e as penurias doutros pobos, doutras culturas e doutras formas de vida a través das imaxes dun artista galego que se abre camiño, Manuel Valcárcel (Monforte de Lemos, 1977), e doutro fotógrafo consagrado que consegue remover as conciencias coa crúa beleza das súas imaxes documentais como Sebastião Salgado.

A mostra Nómades. Fotografías de Manuel Valcárcel abriuse o luns na sala da Aula de Cultura e poderase visitar ata o 2 de decembro. Amosa en 53 fotografías en cor as vivencias ao longo dun ano de Valcárcel, cámara de televisión e reporteiro free lance, con cinco pobos nómades, un de cada continente, buscándoos sen guías e fuxindo dos itinerarios turísticos, cun fin: «Mostrar mediante a miña cámara de fotos esa liberdade pola que todos, no fondo, sentimos morriña». O material que seleccionou céntrase na maneira de vivir destes pobos errantes, pastores, pescadores e mercadores, ameazados pola extinción e que loitan por manter as súas tradicións vitais.

Manuel Valcárcel empezou en Asia, no Tíbet, onde captou imaxes de distintos lugares e grupos de mercadores no altiplano do Himalaia. Seguiu por África, en Alxeria, de onde amosa a vida dos tuaregs, o pobo nómade que está na orixe destas experiencias, porque soubo deles cando tiña uns doce anos, mirando un libro nos andeis da biblioteca paterna. De Europa elixiu, como non, Romanía e un colectivo de cíngaros, que foron os que máis tardou en atopar, porque xa quedan menos errantes por aquilo de que Romanía anda a censar a todo o mundo pola entrada na Comunidade Europea. En América foi Perú, onde estivo cos uros, que habitan en 40 illas flotantes no lago Titicaca. Foi neste país e no Tíbet onde o pasou peor polo mal da altura. E por último Oceanía, de onde colleu imaxes dos pinj, colleiteiros de corais nas illas Trobiand, en Papúa Nova Guinea. Caixa Galicia editou ademais un libro catálogo con 153 fotos e textos do propio autor contando a experiencia en cada caso, que presentou onte acompañado polo reporteiro de guerra Ramón Lobo.

A exposición dedicada á obra de Sebastião Salgado inaugurase a última hora desta tarde e titúlase África . Reúne máis de 50 fotografías en branco e negro, unha colección escollida que reflicten a ollada deste fotógrafo brasileiro, mestre do documental, sobre a vida no continente africano ao longo dos últimos trinta anos.

Esta mostra chega a Santiago no marco da programación do festival PHotoGalicia2007, polo que á apertura asiste o coordinador xeral do evento, Luis Posada, ademais do secretario xeral de Comunicación da Xunta e o director de Acción Social da Fundación Caixa Galicia.