A historia da artista está no disco-libro «Itinerario histórico-musical de Celanova»
17 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.redacción | Susana Seivane ou Cristina Pato tiveron unha antecesora de lenda. Foi Áurea Rodríguez, primeira gaiteira galega documentada e directora dun dos grupos máis famosos da Galicia de principios de século: Os Maravillas de Cartelle. A historia de Áurea está incluída no Itinerario histórico-musical de Celanova, un disco-libro que trata os principais fitos culturais da comarca ourensá e que acaba de editar Ouvirmos.
Entre os artistas máis coñecidos da comarca estiveron Os Maravillas de Cartelle. Que o grupo fora dirixido por unha muller era asombroso para a época, pero non foi menos sorprendente que nos anos vinte lograse tal triunfo nas súas actuacións en Madrid que Áurea foi designada pola prensa capitalina como a «raíña da gaita galega». Os Maravillas viaxaron a Arxentina en 1929 para actuar, e as poucas informacións que existen parecen indicar que Áurea non regresou do outro lado do charco.
A xingra, lingua dos músicos
O disco-libro inclúe tamén referencias á lingua específica que os músicos desas terras inventaron para comunicarse sen que os estraños soubesen de que falaban: a xingra, unha fala gremial única.
Nos textos escritos por Richard Rivera, Fernando Reyes e Sonsoles Hernández para o libro tamén se alude ao carácter de residencia real que tivo Vilanova dos Infantes. Dúas fillas de Afonso X o Sabio residiron no mosteiro vilanovés de Santa María, o que fai moi probable que dentro dos seus muros soasen as Cantigas de Santa María compostas polo seu pai.
Outro dos lugares que aparecen no itinerario é o santuario da Virxe de Cristal. A procesión deste lugar sagrado ten a particularidade de que se desenvolve acompañada por un grupo de danzantes, que son homes vestidos de mulleres que representaban ao gremio más importante de Vilanova no pasado: os zapateiros.
De coros relixiosos e cegos
Entre os lugares que o disco-libro destaca está tamén o mosteiro de San Salvador, que conta cunha importante colección de libros antigos de coro para canto gregoriano. O facistol, un atril xigante, era o moble que se utilizaba para soster uns libros que xustificaban o seu gran tamaño pola necesidade que tiñan os monxes cantores de velos desde lonxe mentres cantaban.
Outros dos elementos que o libro destaca de Celanova en relación coa música é a tradición que a vila sempre tivo de cafés que ofrecían actuacións. Os protagonistas podían ser tanto artistas ambulantes, como o cego de Gándara -representante da tradición do cego-músico-, ou máis clásicos, como o barítono e escritor de finais do XIX Castor Méndez Brandón.