O Festiclown ofrecerá arredor dun centenar de funcións ata o domingo

CULTURA

Leo Bassi traerá «Revelación» a Compostela e presentará o libro co texto da obra

30 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

REDACCIÓN | Se a saúde dunha cidade puidese medirse pola cantidade de pallasos que andan polas rúas, Compostela sería desde hoxe a cidade máis terapéutica do mundo. O Festiclown comeza hoxe un deambular por rúas, prazas, pavillóns, teatros e auditorios. Un ano máis o cabeza de cartel será Leo Bassi.

A Bassi séntanlle ben as polémicas, así que tras a atención recibida polo seu espectáculo Revelación decidiu dar un paso adiante na súa propagación da boa nova e incorporarse ao mundo editorial. O libro que, co mesmo título, recolle o texto do espectáculo e algúns extras será presentado o vindeiro xoves, un día antes de que o pallaso volva dar o espectáculo no Auditorio de Galicia.

O Festiclown desenvólvese en varias capas. Unha delas é a mostra internacional na que está integrada a presenza de Leo Bassi e na que este ano figuran o mimo inglés Fraser Hooper (mércores, día 1, 22 horas, Teatro Principal) e a súa reconversión dos obxectos sen dicir palabra. Os cataláns Pez en raya (xoves, 2) cunha historia sobre unha vaca que dá leite negro.

Non será a única presenza catalá no Festiclown. Pepa Plana (sábado, 4) e a súa realista espiral que provoca que cada solución a un problema provoca outro problema novo. Un humor infinito.

Pero a selección catalá non acaba nos pallasos. Magic Andreu (domingo, 5) terá a honra de pechar o festival con ese territorio indefinido que queda entre o humor e maxia. Un espazo no que Magic Andreu se adiantou a moitos e consigue dominar ata o punto de non especificar se fai humor coa maxia ou practica a maxia co humor.

Nas rúas

A outra perspectiva pública do Festiclown vai a ceo aberto. Baixo o nome de Maraclown, 15 compañías se disputan a atención dos paseantes distraídos de Compostela sobre os seus gags. Ten incluso horario madrugador, porque desde as 12 da mañá hasta as 21 horas case cada hora e sen pararse a xantar. Comezarán o vindeiro mércores e xa non pararán ata que os boten o domingo. A rúa é o escenario para a compañía belga Badaleu'x (sábado 4, 12 e 20 horas, Toural) e a súa particular disputa sobre quen debe ocupar as mellores esquinas para actuar, se os músicos ou os malabaristas. Ese foi o comezo da guerra fría.

Por se en Compostela pasan poucas cousas, por se hai pouco que ver, o programa do Festiclown 2007 continúa con esa invasión urbana que é o Desclowntrol. Os máis ousados pallasos e malabaristas obrigan aos espectadores a encher gorras e sombreiros por máis que eles están alí por amor á arte. Entre os programados para aproveitar a sombra das rúas vellas está Trasno, quen o ano pasado foi gañador do certame de exterior.

Aínda quedan por ver unha invasión zancuda e a presenza de Zancalino, recentemente estreados na Mostra de Teatro de Ribadavia. As rúas servirán tamén como espazo práctico para os alumnos que participen nos distintos obradoiros que ofrece o festival.

E tamén talleres

Cando os festivais medran hai que facer un off-festival. O Festiclown ten o seu no Dado-Dadá a partir da unha de madrugada. Pero esta non será a única oportunidade para trasnoitar. O sábado, desde a unha da madrugada se o verán está decidido a quedarse, un invento chamado Clown Session que consiste en que poden ir sumándose os pallasos que queiran e improvisar. Os pallasos non teñen por qué ser necesariamente profesionais.

A outra perspectiva do festival é interior e ten que ver cos talleres de formación que imparten. Aproveitando que pasan por aquí, os mesmos pallasos que actúan, ensinan. Leo Bassi, Jonnhy Melville, Frasser Hooper, Magic Andreu, Jesús Jara, Avelino González ou Pepa Plana explicarán diversas caras do clown.