O mellor condutor de España: «A miña debilidade ao volante é a cocacola e esa só dá positivo en azucre»

Toni Silva VILASANTAR / LA VOZ

VILASANTAR

Toni Silva

Unha «app» de seguridade viaria acaba de recoñecer a este carteiro como o mellor condutor

01 feb 2018 . Actualizado a las 13:19 h.

Juan José Seoane pasou o día de onte recibindo felicitacións dos veciños de Teixeiro (Curtis), lugar da sede onde traballa como carteiro, e tamén en Vilasantar, a súa vila de orixe e residencia e tamén lugar de reparto. Porque esta semana converteuse no condutor modélico de toda España logo de gañar o concurso dunha aplicación de móbil, DriveSmart, que vixía os movementos e as destrezas ao volante valéndose das coordenadas. É como ter un pequeno axente da Dirección Xeral de Tráfico no móbil. A compañía de Correos, para a que traballa, non dubidou en facer pública a exemplar nova. Dende La Voz de Galicia acudimos onte á mañá a falar con este modélico cidadán ao volante, de 47 anos, casado sen fillos, e sen medo ao frío: pasou a mañá respondendo a xornalistas ataviados en cadanseu forro polar vestindo só unha camiseta corporativa de Correos de manga curta. Propoñemos entrevistalo mentres fai o reparto. Acepta o reto.

-Arrancamos?

-Veña, imos aló.

-Ten todos os puntos?

-Os do carné ou os da aplicación do teléfono?

-Xa postos…

-Ben, dá igual, téñoos todos.

-Ten que ser complexo respectar as velocidades a diario cando un se dedica a repartir correo polo rural.

-Pero temos o que eu chamo o «horario do bocadillo», e iso aínda permite facer o traxecto de xeito máis relaxado.

-Pasa moitos controis de alcoholemia?

-Ui, mimá, moitos, sobre todo polas mañás. Pero iso si, sempre dou 0,0.

-0,0? Nunca deu cero cun chisquiño de nada?

-Nada, ninguén pode dicir que vou tomando alcohol. De feito, non o tomo nin ás comidas. A miña debilidade ao volante é a cocacola, e esa só dá positivo en azucre.

-E como se meteu a isto da aplicación de seguridade viaria?

-Pois a través dunha revista especializada en motor. Anunciaban esa aplicación e naquel momento, se gañabas, dábanche a oportunidade de probar un coche. E eu tiña moitas gañas de probar un coche eléctrico. Despois seguín, e cada mes a propia aplicación propúñache os seus retos: os seguros, o aforro de carburante… e ao final gañei. Enviáronme un correo de que gañara 300 euros. Neste último mes competía con 2.700 condutores de toda España, na aplicación podía seguir os primeiros clasificados e vía que os tiña moi cerca. Ao final houbo sorte.

-E por que doar os cartos ao colexio de Vilasantar?

-Porque alí estudei eu. É necesaria a concienciación ao volante dende cativos. Perdín un primo en accidente de tráfico na autovía de Ribadeo, tiña 29 anos.

-[A néboa acompaña a viaxe] Coa néboa tardarase máis.

-Hoxe non hai tanta, o importante é ver o nome das cartas [ri]. Indo amodo non hai problema.

-Cantos coches hai na casa?

-Tres, pero gústame cambiar cada poucos anos cando saen novas tecnoloxías no sistema híbrido, por exemplo. Tampouco perdo moito co troco.