Lisardo Santos: «A alcaldesa xa tiña que ter marchado en decembro»

Carga contra a súa predecesora e anuncia que dará aos que o apoiaron a opción de entrar no goberno


Sobrado dos monxes / la voz

O socialista Lisardo Santos (1980, Sobrado dos Monxes) recuperou este venres a alcaldía de Sobrado dos Monxes, perdida tras gobernar 21 meses, por unha moción de censura hai un ano, que levou a alcaldía a María Jesús García Souto (TxS), tras lograr o respaldo do PP. Santos volve ao cargo agora tras outra moción, que saíu adiante nun tenso pleno no que chegou a intervir a Garda Civil. Santos entrara en política no 2011 co BNG, alcanzou a alcaldía co PSOE e gábase de deixar saneadas as contas do Concello.

-Como foi o traspaso de poderes?

-Foi moi sinxelo, cheguei, abrín a porta do despacho e empecei a traballar e a mirar como estaban as cousas, se había algunha urxencia, algunhas subvencións pendentes da Deputación e contratacións que hai que sacar adiante. Ela [García Souto] non se achegou por alí a nada.

-Xa decidiu como vai ser o goberno?

-Aínda non falei, botei o día a carreiras e mirando cousas. Non sei como imos estruturar iso porque agora somos sete. Os que votaron que si á moción vounos a respectar, pero non se fixo polos postos nin teñen intereses económicos. Ninguén quere unha dedicación.

-Cabe a posibilidade de que fale cos edís de Todos por Sobrado.

-Non sei se vou poder manter algún contacto, depende da actitude que teñan.

-Vista a tensión do pleno non puideron agardar a contar con outra secretaria para facelo?

-O follón montárono eles, nós andamos dentro da lei. Tiñamos dereito a facelo e xa fomos tarde por culpa da alcaldesa, porque intentou retrasar todo o que puido. Ela xa tiña que ter marchado no mes de decembro. O que pasou en Sobrado non ten que ver coa secretaria, senón con que [García Souto] tiña o Concello paralizado, o único que facía era enganar á xente. O que quero que quede claro é que o Concello é bo e bonito e está cheo de xente amable e boa.

 -Porén, no pleno había un grupo de veciños dunha plataforma que apoian á alcaldesa e son críticos coa aparelladora e a secretaria.

-A aparelladora xa a botaron fóra no seu día, ten denunciado o despido e non sei que vai ser dela, e a secretaria xubílase o día 19. Máis quitando os gardas, a prensa e uns cantos nosos, canta xente había alí? O Concello ten 1.800 habitantes e ela tivo 280 votos. O grupo que a estaba representando no pleno é minoritario, fan moito ruído, pero non se corresponde coa realidade.

-A súa antecesora anunciou que trasladou á Fiscalía diversas irregularidades.

-Se o puxo nas súas mans, a Fiscalía pronunciarase, e eu por ese tema durmo tranquilo, se cadra a quen non debería durmir tranquila e ela coas actuacións que fixo os últimos días.

-No que coinciden ambos é que o Concello está paralizado.

-Pero estao por culpa dela, no 2015 e 2016 cheguei a acordos cos dous grupos (PP e TxS) e leváronse a cabo obras, elaboráronse os orzamentos e avanzaba o Concello de forma normal, fixéronse investimentos en turismo, pero ela non fixo realmente nada, só vai por aí dicindo que a súa xestión é boísima.

-E vostede que conta con poder facer no ano que lle queda de mandato?

-Acabar a concentración parcelaria, levar a cabo as obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación que quedaron sen facer, e agora chegarán as do Plan Marco, ademais de volver a fomentar o turismo como potencial que ten, ademais de centrarnos moito en temas de servizos sociais, e intentaremos facer un local como centro de maiores.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Lisardo Santos: «A alcaldesa xa tiña que ter marchado en decembro»