Benito Portela, alcalde de Sada: «É unha moción presentada por nove concelleiros tránsfugas e desertores»

d. Vázquez SADA / LA VOZ

SADA

CESAR QUIAN

O rexedor di que «se nos tocar ir á oposición, faremos unha oposición leal»

08 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Benito Portela (Sada, 1975), do grupo Sadamaioría, atende nun despacho que preside unha imaxe en branco e negro da Terraza e diante dun papel onde recolle as licenzas pendentes. Fala sereno e firme, aínda que dende o vindeiro venres 18 unha coalición de PSOE, PP e Alternativa pode poñer fin ao seu segundo mandato ao fronte da alcaldía de Sada.

—Como analiza a moción de censura?

—É unha moción presentada por nove concelleiros tránsfugas e desertores, que pretenden chegar ao poder sen pasar polas urnas.

—Esperábao?

—Non agardaba que puideran poñerse de acordo para vulnerar a vontade democrática da cidadanía de Sada a seis meses de que as urnas expresen novamente a súa vontade.

—Para vostede quen gaña?

—O que perde é o pobo de Sada e nós tentaremos que perda o menos posible e continuaremos traballando día a día como estamos a facer. Non entro en quen gaña, para min, perdemos todos e perde Sada.

—Os dous concelleiros de Alternativa estaban no goberno, como se chega a este desacordo?

—Que motiven eles as súas razóns de por que se chega a esta situación. Penso que xa esgrimiron unha certa sensación de bloqueo, moitas veces pola situación interna no goberno e tamén por asuntos que foron rexeitados polo pleno porque non tiñamos a maioría.

—García Seoane tamén aludía a unha certa parálise no executivo local.

—Recibimos o maior investimento da Xunta na historia de Sada, certa parálise e o maior investimento por habitante no ano 2021? Se certa parálise é 1,5 millóns de euros no perfil do contratante actualmente, e 1,1 millón máis de aquí ao final de ano ou o acordo para o proxecto do río Maior... Se o consideran, que o xustifiquen e que o comparen con anteriores anos de Sada e que vexan a realidade.

—Comparativamente, que lle ve de similar a esta moción coa vivida no seu día polo BNG?

—Basicamente, as dúas teñen a mesma finalidade que é vulnerar a vontade maioritaria da cidadanía de Sada.

—Non ve outros intereses?

—Coido que as ansias de chegar ao poder sen que sexa o pobo quen decida. Paréceme certamente relevante.

—Falou con María Nogareda, a que será a nova rexedora se sae adiante a moción de censura?

—Non. Nin con Breogán.

—E co resto de asinantes?

—Tampouco.

—Non o ve necesario?

—Creo que eles decidirán. Falei con Alternativa, PSOE e PP, pero non falei cos tránsfugas.

—Espera unha marcha atrás?

—O que non está na miña man, non o vou facer. Imos a intentar traballar en todo o que está na nosa man, tanto os concelleiros de Sadamaioría como as do BNG.

—Cal sería o seu legado se a moción vai adiante?

—A participación activa no proceso de incorporación como ben público do pazo de Meirás e moitísimas cousas importantes, pero non podemos poñer ningunha por riba doutra. O dos orzamentos é histórico, que haxa o proxecto para evitar as inundacións e a depuradora é fundamental para o futuro, pero hai que recordar que neste mandato aprobáronse dúas figuras de protección, como o BIC da Terraza e o ENIL das Brañas, que van posibilitar a súa protección futura. Estamos traballando para que nos próximos meses estea o documento de aprobación inicial do plan especial para a obtención da parcela do centro de saúde, que tamén sería un feito histórico. A aprobación do plan xeral posibilitou que esteamos agora desenvolvendo equipamentos esenciais para o futuro. Fixemos unha aposta durante estes sete anos moi social dende o inicio. A concellería de Servizos Sociais duplicou o orzamento e somos o concello da área metropolitana que máis porcentaxe destina a área social. Acabamos de adxudicar o SAF e de implantar un servizo novo, a atención temperá.

—Vaise volver presentar?

—É algo que non estamos a estudar a día de hoxe. O que intentamos é rematar o máximo traballo que poidamos e se nos toca irnos á oposición estes meses, tamén facer unha oposición leal e construtiva co pobo de Sada para que todos estes asuntos que temos en marcha non queden paralizados por un hipotético cambio de goberno.

—Ve capacidade en Nogareda para ser alcaldesa?

—Non entro a valorar, o tempo dirá. Se se produce ese cambio que o valore a xente en maio.