Ana Sastre, unha artista que recuperaba virxes medievais

carme varela

SADA

Ana Sastre, con un dos cabezudos que realizou
Ana Sastre, con un dos cabezudos que realizou EDUARDO PEREZ

Prematuramente xubilada encontrou unha segunda vida modelando con pasta de papel todo tipo de figuras

09 oct 2020 . Actualizado a las 12:31 h.

Ana Sastre Soriano naceu en Navas del Marqués o 9 de abril de 1951. Casada co galego Jose Luís Silva Prego nos anos setenta fixou a súa residencia en Galicia vencellada xa para sempre á área da Coruña. Mestra e diplomada en plástica e música, profesionalmente estivo ligada á docencia ata que as secuelas dun cancro a apartaron das aulas e dos nenos.

Prematuramente xubilada encontrou unha segunda vida modelando con pasta de papel todo tipo de figuras. A súa afección ao teatro levouna a desenvolver un importante traballo con monicreques e cabezudos. Logo chegaron os xoguetes para nenos. Máis adiante uniu dúas das súas grandes afeccións: o románico e o modelado en pasta de papel. Namorada das imaxes das virxes románicas comezou un traballo de recompilación primeiro e de reprodución despois de todas as imaxes de Nosas Señoras medievais. Imaxes como a Virxe de Carboeiro, a da Franqueira, a de Asadur, a do Cebreiro, a Virxe emparedada do convento das Bernardas de Pantón ou a perdida do mosteiro de Pesqueiras tiveron en Ana Sastre unha man amiga que lles devolveu vida.

O estudoso do románico Xosé Lois García ten dito da obra de Ana Sastre: «É unha mágoa que o conxunto de tallas que ela configurou non estean nunha fundación institucional ou formen parte dun museo de arte sacra».

En 2010 fixo a súa primeira exposición de virxes medievais en Arteixo. A acollida que tivo por parte do público coas súas coidadas imaxes levárona a percorrer salas de Ávila, Sada, Betanzos, na Casa-Museo de María Pita na Coruña ou na Ulloa.

Como persoa deixa un fondísimo recordo en cantos a coñeceron pois sen dúbida tratábase dunha persoa cun carácter tremendamente amable e próximo. Como artista no mundo do modelado en pasta de papel conseguiu pezas de extraordinario valor.

Sastre foi socia da asociación de románico O sorriso de Daniel e participou ata que a saúde llo permitiu das actividades desta asociación dedicada á divulgación do románico e á súa recuperación e posta en valor. Morreu en Sada o día da Virxe do Rosario do ano 2020.