Sada instaura o Día Da Troula

La Voz

SADA

BASILIO BELLO

Cantos de taberna, foliada popular e concerto de Radio Cos é a proposta para a xornada do 19, que irá precedida, unha semana antes, dunha homenaxe ás entidades preocupadas pola recuperación musical na primeira metade do século XX no concello

17 may 2018 . Actualizado a las 17:14 h.

«O Día da Troula nace en Sada coma unha xornada unida ao folclore e a música popular», sinalábase hai un ano cando a asociación Nova Troula celebrou unha primeira edición dunha cita que quería reivindicar as tradicións máis festivas da vila noutras épocas. O día 19 de maio celebrarase o segundo Día da Troula e desta farase coa mirada posta nos devanceiros que, a comezos do século XX, preocupáronse de organizarse para evitar que se perdera a tradición musical. As esas entidades renderáselles unha homenaxe o 12 de maio, pero o día grande de festa será o 19, coa resaca aínda da celebración do Día das Letras.

A espita festeira abrirase nos bares cuns cantos de taberna para os que xa está confirmada a presenza de Os do fondo da barra, A fonte de Merlán, Cantares dos pendellos, Muiñeiros do Sarela, Viute o demo, Os Folieiros, Son d’aquí, o Grupo de Zanfonas da Tradescola, Alén do mar, Os carecos e Airiños da Bandoxa, aínda que presúmese que sumaranse máis. O ano pasado chegáronse as dúas ducias. A festa pretende unir a socialización que sempre estivo ao redor das cuncas de viño nos bares co espírito musical que acompañou este tipo de encontros.

Para que queira continuar a festa sobre as seis e media da tarde arrancará unha foliada popular na praza Irmáns Suárez Picallo, que será interrompida, pola música da formación Radio Cos (Xurxo Fernandes, Quique Peón, Pedro Lamas, Nikolay Velikov e Xan Pampín), as nove e media da noite. Mais non hai que preocuparse, a súa actuación só permitirá dar un respiro aos foles e ás ferreñas para continuar despois coa foliada.

Unha nova asociación con gañas de festa

O Día da Troula naceu no 2017 da man de Nova Troula, unha entidade de Sada que tamén arrincou a súa andaina o ano pasado. Xa ten 60 socios e dedícase á divulgación da música tradicional galega. Conta cunha banda de gaitas, un coro e promove os cartos de taberna porque con Viute o Demo, con quince compoñentes que se moven por toda a xeografía galega, manteñen o espírito dunhas formacións que nos últimos anos estanse reivindicando. Rubén González Vázquez é quen se ocupa de impartir as clases de gaita, percusión e canto dun colectivo como é Nova Troula, especialmente activo e que é doado atopar de festa.