Alberto Rodríguez, director de Alda Hotels: «A compra do hotel non foi barata»

O antigo hotel Sada Marina vaise abrir parcialmente para o verán e aínda non están pechados os servizos que ofrecerá


sada / la voz

Alberto Rodríguez Boo (Santiago, 1979) fundou e dirixe a cadea Alda Hotels, que xestiona unha trintena de establecementos, ao que sumou o antigo Sada Marina, asentado en terreo municipal e que poderá explotar 42 anos máis. Este enxeñeiro industrial, que non desvelou o custo da operación, apunta que «unha compra dun inmoble de 12.000 metros cadrados non é barata, e o importe do investimento que se vai realizar é alto». Sen cifralo, di que o maior gasto será en pintura, nun inmoble pechado dende o 2013, afectado polas filtracións e que hai que dotar de mobiliario e renovar todas as instalacións. A adquisición, valorada desde o Concello de Sada de maneira «satisfactoria, xa que suporá un impulso para a economía local», fíxose onte e a previsión coa que traballan é poder abrir parte do hotel para este verán, e que opere ao 100 % para a Semana Santa do 2019, cun público familiar. Rodríguez Boo recoñece que intentan co Sada Marina apostar polo sector de vacacións, para diversificar un negocio centrado, na súa maioría, en áreas urbanas.

-Como chegaron ao hotel?

-Somos clientes de Abanca e ofrecéronnolo.

-Por que Sada, venlle potencial?

-Hai dez anos para a empresa sería unha tolería facelo, pero a día de hoxe este hotel vai representar o 10 % da empresa, é un risco que non me vai levar á ruína. Vexo máis perigoso entrar nunha cidade como Madrid ou Barcelona, onde teño competencia máis profesionalizada e adaptada.

-Cando consideran que poderán saber se é rendible?

-Dependerá moito da ocupación. Ás veces o período transitorio é de seis meses, e aquí doulle tres anos para facer a curva de adaptación. Non só pola adecuación do inmoble, senón porque hai que xerar unha demanda que non existe.

-Ten socios?

-A sociedade que merca este inmoble, que llo aluga a Alda, é unha sociedade patrimonial, EVO Inversiones, na que teño a metade da participación, e a outra metade un primo meu, que participa comigo noutros negocios.

-Van cambiar o nome de Sada Marina?

-Aínda non o decidimos, posiblemente non.

-E a estética da fachada?

-Posiblemente si, xogar con cores, pero dependemos do Concello. Hai unha dun edificio de Le Corbusier que nos gustaba.

-Xa conseguiron algún socio para ofrecer servizos?

-Non, hoxe [por onte] aínda se firmou a venda.

-Como chega a montar Alda?

-De maneira casual, no 2007 traballaba como director dunha fábrica de portas e tiña un salario por riba do que gastaba, e decidín investir en algo en Santiago, e merquei cun socio unha casa no centro da cidade, que convertemos no Fogar de Teodomiro, un hostel que foi a orixe de Alda. Para que me deran a hipoteca, ademais de ter bos ingresos, fun co aval dos meus pais, que son funcionarios, non teñen patrimonio, non son fillo de ricos, xa me gustaría. No 2009 a empresa na que estaba pechou pola crise e decido dedicarme a tempo completo a Alda.

-Por que este mercado, vindo da enxeñería?

-Tampouco sabía tanto de enxeñería, sabía de números, e isto son números.

-Non son máis servizos?

-Non, ese é o erro, isto é números totalmente. Pensar que un negocio non é números é non saber o que é un negocio. En calquera cousa é rendibilidade e risco, investimento e retorno, saber o que vas ingresar e gastar. Botar ben as contas é o que sostén un negocio. Non digo que nós vaiamos ser infalibles, que non o somos.

-Equivocáronse?

-Ata o día de hoxe non, pero estamos abertos a facelo, non somos infalibles nin máis listos ca ninguén.

-Como se xestionan 30 hoteis?

-Con xente moi boa. Somos un equipo ben engraxado, xente motivada e con ganas de traballar.

-De canto persoal dispón?

-Cen, non sei... É o 23,6 % da facturación. O número de persoas non é relevante como non sexa nunha conversa de bar para dicir o número de empregados, non me achega nada, depende das horas que traballen, se o xestionas directamente. Temos moitos e sei o nome de todos, pero tería que poñerme a contalos ao igual que os hoteis.

-Está moi endebedado?

-Porcentualmente non. As marxes son baixas, por iso hai que crecer. O sector hoteleiro hoxe é un negocio de volume, non de marxe. O volume hai que xeralo.

-Non é moita expansión en pouco tempo?

-Foi crecer un 30 % ao ano. A maioría dos hoteis son arrendados, traballar moito e gañar pouco. Vivo con pouco, a verdade. A crise favoreceunos, porque cando a situación económica é moi boiante piden barbaridades polas cousas e agora coa crise, ao revés. Ofrecendo un proxecto viable e con garantías pódese chegar a operación de arrendamentos con carencias de aluguer... e tamén financiamento por parte dos bancos. Os bancos tamén están aí para algo.

-Anunciaron que van ter máis aperturas este ano, onde?

-Abrimos en Vigo hai un mes, o Porta do Sol, agora abrimos o Barrio Húmedo de León, que será o terceiro nesa cidade; o Centro Alda Ponferrada, que será o segundo de Ponferrada; e antes do verán, o antigo Hotel Peregrina de Pontevedra e un en Estella (Navarra). As empresas son organismos vivos, e se pide máis haberá que darlle máis e senón, deixalo. Non é unha decisión miña persoal, nin asemblearia entre a xente que somos Alda. Pensar que unha empresa é algo vertical non vai comigo, é un ente en si mesmo. Eu só vou vivir 40-50 anos máis e espero que Alda siga.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Tags
Comentarios

Alberto Rodríguez, director de Alda Hotels: «A compra do hotel non foi barata»