Flores, roupa e maquillaxe de cores para lembrar ás Dúas en Punto

PADERNE

Gonzalo Iglesias

A estatua da Alameda servirá, por sétimo ano, de escenario para lembrar a loita das irmás Fandiño Ricart

18 jul 2018 . Actualizado a las 00:11 h.

Hoxe • Alameda de Santiago • 14.00 horas • Unha vez ao ano, un grupo de xente reúnese na Alameda compostelá xunto á estatua das Dúas en Punto, á mesma hora na que elas saían a percorrer as rúas, para recordar a unhas mulleres que deixaron fonda pegada na cidade. Con Flores vermellas e lilas, roupa e maquillaxe de cores lembrarase mañá ás irmás Coralia e Maruxa Fandiño Ricart, popularmente coñecidas como As Marías.

A homenaxe ten lugar cada 18 de xullo, pois o golpe de Estado franquista «cambiou radicalmente a vida da súa familia», sinala Patricia Porto Paderne, da Libraría de Lilith, que xunto con Encarna Otero e Lola Ferreiro organizan o acto, que se celebra dende hai xa sete anos.

Cada verán xúntanse máis de medio cento de persoas en torno á figura esculpida por Lombera, a maioría xente da cidade que coñeceu ás Fandiño en persoa ou sabe da súa historia. «A idea é precisamente esa, recuperar a memoria delas e difundir súa vida, para que non quede nunha caricatura», explica Porto.

Represión e resistencia

«O seu é un exemplo dos máis representativos de que houbo outros tipos de represión, económica e social. E tamén de que hai outras formas de resistirse. No seu caso, levando eses vestidos e maquillaxes supercoloridos, como di Encarna Otero na súa biografía, nesa Compostela gris, saíndo coa cabeza ben erguida e reivindicando que a rúa é nosa», indica a organizadora da homenaxe.

Durante o acto lerase un recordatorio da súa vida. Invítase ás persoas achegadas a que poñan voz ao seu relato. A historiadora Encarna Otero e máis Lola Ferreiro encargaranse de rescatar do esquecemento a memoria das mulleres represaliadas. E convídase á cidadanía a que, por segundo ano, vistan todo o día cores alegres e luzan un maquillaxe vistoso como xesto simbólico.