«Cando probas o tiro con arco e che gusta, engancha»

A. Gándara OZA-CESURAS

OZA-CESURAS

A asociación Arco da Vella celebrará un torneo, o día 18, no parque do Sanatorio

09 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Moreira (Malpica, 1972) é membro da asociación deportiva Arco da Vella, situada no Concello de Oza-Cesuras e dedicada ao tiro con arco. Todo un campión galego (nada menos que dez veces) que nos fala do seu club e da súa paixón deportiva que, ademais, servirá para recadar fondos para as familias máis necesitadas nun evento que se celebrará o 18 de xullo no Paraxón.

-¿Cando se crea Arco da Vella?

-O club creouse en xuño do 2008, e malia iso xa é un dos máis fortes de Galicia, con presenza nos podios galegos e estatais. Contamos con xente do calibre de Daniel Blanco, bicampión de España e tamén bicampión galego. Tamén hai xente como o noso presidente, Juan Ignacio Barreiro, ou eu mesmo, que xa fun dez veces campión de Galicia. Estamos abertos a todas as modalidades, pero especializámonos no arco tradicional, nas modalidades long-bow e recurvo.

-¿En que consiste esa modalidade?

-Trátase dun arco de madeira que non conta con ningún tipo de axuda, nin estabilizador nin punto de mira, ao contrario que os arcos olímpicos. Isto convérteo nunha modalidade moito máis instintiva.

-¿Que virtudes destacaría do tiro con arco como deporte?

-É un deporte moi relaxante, precísase moita concentración e iso libérate de moitas outras cousas. É algo que hai que probar, e creme, se che gusta estás enganchado. Por outra parte, a pesar de ser por norma xeral un deporte individual, estar no club tamén é un modo de viaxar, socializar e facer amigos.

-¿Que eventos están preparando?

-O 18 de xullo organizamos un torneo no Parque do Sanatorio de Cesuras. Será a partir das catro menos cuarto da tarde e coa modalidade 3D, que consiste en ir camiñando entre as árbores do bosque e disparándolle a figuras de animais. Ademais, trátase dun torneo benéfico, xa que os cinco euros de cada inscrición serán doados a unha asociación local que axuda aos veciños máis desfavorecidos.