Rafael Astor: «A Coruña tiña que copiar de Gelo»

Dolores Vázquez OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Rafael Astor foi enxeñeiro municipal en Oleiros dende 1989 a 2012, e é fillo predilecto do concello
Rafael Astor foi enxeñeiro municipal en Oleiros dende 1989 a 2012, e é fillo predilecto do concello EDUARDO PEREZ

Traballou no Concello durante a época de maior transformación e é quen de facer unha radiografía precisa dun territorio que axudou a deseñar

15 oct 2021 . Actualizado a las 08:52 h.

«Eu non traballei en Oleiros, fixen que traballaba», comenta convencido Rafael Astor Casalderrey (Pontevedra, 1945), quen foi enxeñeiro no Concello nos anos de maior transformación do municipio. Cunha sensibilidade que conserva, recoñece que «como bo enxeñeiro de Camiños, o meu labor é intervir no territorio, e sempre dende moi novo tiven medo a ferilo». No momento previo a entrevista atópase lendo La balsa de piedra de Saramago, se cadra pola súa admiración por Portugal, do que gaba o coidado pola paisaxe e non perde a ocasión de salientar o traballo feito alí polos arquitectos Siza Vieira, Souto de Moura ou Fernando Távora.

-Como chegou a Oleiros?

-Andei dun lado para outro e tiven un mecenas, Jesús Lago e Lago, que me propuxo abrir un estudio no Cantón Grande con Mario Soto, ese gran arquitecto de fama internacional. Mario era unha gran personalidade, eu era o seu xefe teórico, pero dáballe o respecto da categoría intelectual. Levábamonos moi ben, fixo o proxecto da miña casa en Sanxenxo, a casa Astor. Dende ese estudio eu facía traballos para Oleiros, pero ao gañar unha praza na universidade díxenlle tanto a Jesús como a Gelo (Ángel García Seoane) que marchaba. En 1989 volveume chamar Gelo para que fose ao Concello, ao principio díxenlle que non, pero ao día seguinte chameino.

-Que lle tocou dirixir?

-Daquela fíxose o departamento de Obras Públicas, que non había. Era un departamento moi grande para un concello rural que foi crecendo pouco a pouco. Ata a crise de Zapatero estabamos dous enxeñeiros de Camiños, tres aparelladores, dous delineantes, unha avogada, e tres ou catro administrativos.