Jorge Quintáns: «Este ano queremos resarcirnos do curso pasado»

S. GÓMEZ

OLEIROS

MARCOS CREO

O capitán do Porto do Son comparte vestiario co seu irmán, quen exerce como adestrador

22 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É complicado imaxinar ao Porto do Son sen Jorge Quintáns (O Son, 1991) nas súas ringleiras. Co fútbol como tradición familiar, o capitán exerce de faro e referente no céspede. Este ano sumoulle unha maior certeza cara gol, que o coloca entre os máximos artilleiros do grupo.

-Como ve a tempada?

-Pois de momento a verdade é que moi ben, con moi boas sensacións. Levamos dous empates e dúas vitorias.

-Marcáronse algún obxectivo antes de comezar o curso?

-O certo é que non. Sempre queremos estar o máis arriba posible, máis aínda cando vimos dunha tempada na que non saíron ben as cousas. Queremos resarcirnos do curso pasado e chegar o máis alto.

-Está vendo portería con facilidade. O seu non era facer xogar ao equipo?

-Con excepción do primeiro partido, que estiven lesionado e entrei ao final, nos dous seguintes marquei. Sempre fun goleador, sobre todo nas categorías inferiores. En sénior a cousa xa é máis complicada (ri), pero sempre me gustou chegar arriba e marcar goles.

-Que nivel veu nestes catro primeiros encontros de liga?

-Pois a verdade é que xa tivemos rivais complicados e estivo todo moi igualado. Contra o Palmeira e Oleiros empatamos e os outros dous partidos levámolos pola mínima. Co Crocha anotamos o terceiro no último minuto. Estiveron apertados ata o final e creo que será a tónica de todo o ano. Non haberá grandes diferenzas con ningún rival.

-A cales ve como favoritos?

-A verdade é que non che podo dicir. Téñome que fiar do que mostra a clasificación. Polo momento, dos que xogamos, ao que mellor vin foi ao Oleiros. En ataque son moi perigosos.

-Tamén son ofensivos.

-Si, a verdade é que si. En defensa estamos moi limitados de efectivos e temos que ir reorganizando para poñer un equipo de garantías.

-Como se leva ter ao seu irmán como adestrador?

-Ben, pero non hai ningún favoritismo (ri). Levo toda a vida no equipo e ser o capitán obrígame a ser un referente no campo. Os dous levamos toda a vida vinculados ao club é un orgullo loitar xuntos polo mesmo obxectivo.