Ángel García Seoane: «É moi grave que pinten a catedral de Santiago, pero tamén unha marquesiña»

Elena Silveira
Elena Silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

CESAR QUIAN

O rexedor avoga por aumentar as multas aos vándalos que ensucian as rúas, non só o patrimonio con protección

29 ene 2019 . Actualizado a las 09:04 h.

O Concello de Oleiros é un dos municipios da área metropolitana coruñesa que encabeza a loita contra as pintadas nas rúas. O alcalde, Ángel García Seoane, explica que a maioría dos infractores son rapaces novos que non teñen motivacións aparentes para ensuciar as paredes. «Quizais influídos polo seu entorno social», di. O que ten claro é que as sancións deben ser duras e facelas extensibles non so cando os actos vandálicos afectan a patrimonio destacado, senón a todo tipo de mobiliario e inmobles. «Hai que poñerlles coto», explica.

-Cal é o perfil deste tipo de vándalos?

-En xeral son rapaces novos, duns 15 ou 16 anos, pero a gran maioría teñen máis de 18. Incluso os hai que teñen ata 25 anos. Os últimos que identificamos son de Cambre, Culleredo e da Coruña, porque de Oleiros xa case non temos. A verdade é que nos últimos anos se freou moito a incidencia deste tipo de actos vandálicos no noso termo municipal.

-O último rapaz ao que sancionaron, de 19 anos, é de Perillo. Terá que pagar unha multa de 3.000 euros e 13.000 polos danos.

-Si, pero comezou a emborronar as paredes cando era menor de idade. Son máis de 230 pintadas súas as que están incluídas neste informe policial [colle a documentación na man]. E aquí están só as que afectan a patrimonio público.

-A familia denunciou ao Concello no contencioso porque cre que a multa é excesiva e que non todas as pintadas son do rapaz.

-Xa o dirá o xuíz. Nós temos unha ordenanza clara para poder actuar nestes casos e temos policías expresamente dedicados para estes temas. O informe é moi completo e xa se lle pillou varias veces in fraganti, que é o difícil.

 

-Expertos en grafoloxía colaboran con Cambre e Culleredo para identificar aos autores das pintadas.

-Nós non necesitamos grafólogos. Sabemos que é o mesmo rapaz. E os 13.000 euros que terá que pagar por danos non superan o salario polo traballo realizado neste informe [volve collelo na man].

-Que custe ten para o Concello a eliminación dos garabatos?

-Non sabería precisar, xa que está incluído no contrato do servizo de limpeza viaria. Pero son moitos, moitísimos cartos. Por exemplo, cando manchan un sinal de tráfico hai que repoñelo, e son 300 euros como mínimo.

-Algúns concellos optan por programas de reeducación.

-Nós temos zonas para que os grafiteros e artistas fagan os seus murais. A algún expedientados lles permitimos facer traballos sociais [limpeza de fachadas...] e algún reconduciu o seu comportamento. Pero non sempre funciona. Hai que poñerlle coto a este tipo de actos vandálicos. A modificación que quere facer o Goberno autonómico non se tiña que limitar ao patrimonio protexido, tería que estenderse a calquera patrimonio. Porque é moi grave que pinten a catedral de Santiago, pero tamén o é que pinten unha marquesiña, unha parede ou un sinal de tráfico. O caso é que a maioría dos infractores non son menores de idade.

-Que é o que motiva a estes rapaces para facer as pintadas?

-Supoñemos que é unha forma de facerse notar, de marcar un territorio. Está claro que o entorno social dos rapaces inflúe porque cando lles preguntas por que o fan non saben responder. O que está claro que, ao ser menores, dalgún lado sacan os cartos para comprar os espráis. E nas súas casas é algo que teñen que saber...