José Luis Vázquez Rosales: «Nas foliadas sempre hai moitísima xente»

L. S.

OLEIROS

«Levantas unha pedra e sáeche unha agrupación de baile», di José Vázquez. Na súa bailan familias enteiras. Entre músicos e bailadores, son uns 90

30 jul 2018 . Actualizado a las 12:31 h.

José Luis Vázquez Rosales pasou de ter o baile como afición persoal a adicarse profesionalmente a ensinalo. Antes en Xacarandaina, agora faino no grupo Santaia, de Santa Cruz (Oleiros), alí onde bailan os nenos, cantan os pais e tocan os primos e os veciños. Ou onde tocan os pais, cantan os nenos e bailan primos e veciños nun delicioso mexunxe composto por familias enteiras, con xente dende os catro anos ata os setenta desfrutando nos ensaios e nas actuacións. Por certo, en realidade, José Luis é químico, e tamén ensina Matemáticas e Física na súa propia academia de ciencias.

-Que é mais difícil de coller, unha punteada ou unha integral? Que lle gusta máis?

-As mates son a base do universo, polo que a mente tírame polas ciencias... Pero o baile e a música saen do corazón.

-Vale, resposta á galega...

-O corpo é indivisible... Chocolate ou nata, papá ou mamá... O dualismo eterno. Por qué escoller cando podes ter ambas?

-Hai un repunte do «tradi»?

-Penso que si. Agora hai numerosísimas agrupacións e nas foliadas sempre hai moitísima xente. Uns van máis en serio que outros, pero neste tipo de festas penso que, para todos, trátase de pasalo ben.

-A que atribúe este rexurdimento?

-Houbo un tempo no que non se valoraba o folclore galego, que é un dos máis ricos de España. Nós, cando íamos a certames internacionais, como en Italia ou en Francia, onde a cultura autóctona está supervalorada, víamos como alucinaban co folclore de aquí e coa variedade que temos. En cambio, na terra parecía que non tiñamos esa conciencia. Pero agora non. Agora a xente se anima, ve que é unha cousa divertida e que pode ir á festa, bailar unha peza e lanzarse a tocar o que saiba.

-De onde proceden as pezas do seu repertorio?

-A máis achegada que temos procede da zona de Bergantiños. Foi recollida na praia de Baldaio, na parroquia de Lema. Logo, o resto, xa son de máis lonxe: Mazaricos, Ordes, Boimorto, Arzúa...

-Que pasa, na Coruña non se bailaba a muiñeira ou qué?

-Si que se bailaba, pero nótase a influencia da urbe ao redor das grandes cidades. Na zona costeira pegada á Coruña é máis complicado. No interior este arte se conservou mellor porque non había a influencia das grandes urbes. Por iso hai que ir máis ao rural. Por Betanzos tamén temos algunha recollida, pero sobre todo de música e de danzas patronais: a danza de zapateiros, a danza de Arcos, que aínda segue viva grazas a que foi recuperada por xente de alí. Pero a zona máis rica é Bergantiños, de Laracha para alá.

-Como se realizan as búsquedas? É complicado?

-Ás veces te matas a buscar e logo saen de casualidade, cando menos contas. Neste caso, foi grazas á miña sogra. Coincidiu que a persoa que lle vendía na feira de Carballo bailaba e tocaba. Fomos falar con eles e estaban comendo mesmo na praia de Baldaio, na parte de arriba. E xa estivemos con eles toda a tarde cantando e bailando.

-Non sempre é tan fácil, non?

-Non, claro. Normalmente, tes que patear, ir preguntando. Senón, é complicado. Conste que coa xente maior é unha marabilla: te aceptan e te reciben coas mans abertas. Conseguir o contacto é complicado. É mellor partir dalgún familiar ou amigo que coñece a alguén que cantaba ou bailaba.

-Senón, perderíase todo ese legado.

-A mágoa é que cada vez nos quedan menos vellos. Hai moita xente que se adicou a isto, pero, claro, van morrendo.

-Todas as pezas que bailades en Santaia son froito de recollidas?

- Si, todas. Recollidas por nós, ou de xeito particular polos mestres, ou dalgún amigo que sabe dunha zona e lle pides unha recollida e pásacha. Funcionamos así. Recoller en tódolos sitios é difícil, pero hai un préstamo, un acordo non escrito entre a xente que fixo moita recollida e préstache a recollida en si, o que tes gravado dos maiores, non a peza en si, eh, ollo.

-Porque logo cada un interpreta ao recollida o seu xeito.

-Si, despois está a interpretación que fai cada un. Todos intentamos ser o máis fidedignos posibles, pero isto sempre é subxectivo, porque cada un ten a súa perspectiva particular.

-Como é a resposta de público? Á xente lle gusta?

-Moito. Nós convertemos o que era a fin de curso típico nun espectáculo etnográfico chamado Romeiros. Temos un fío condutor, hai unha voz en off, metémoslle algunha sorpresa como cabezudos, decorados (por exemplo, unha igrexa ou un campanario, casas, etc...) ou un baile de regueifas, desafíos... E incluso facemos teatro. O noso espectáculo baséase en catro romarías: a de San Fíns do Castro, a de Fisterra, a do Apóstolo, en Santiago e a de San Froilán, en Lugo. Fixémolo así para tocar diferentes zonas e adaptar ás nosas recollidas ás zonas. En cada romaría metémoslle a música e os bailes típicos da zona.