«Son coma un pan de aldea: un pouco toxo por fóra pero con moita miga»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

OLEIROS

CÉSAR QUIAN

A nova vocalista de Luar na Lubre ten á súa predecesora, Rosa Cedrón, nun pedestal

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Belém Tajes admira ás súas predecesoras en Luar na Lubre (Ana Espinosa, Sara Vidal e Paula Rey) pero recoñécese «cedronista».

-¿Rosa Cedrón «for ever»?

-Téñoa nun pedestal. Con esa forma de cantar, con tanto aire e emoción, marcou unha época.

-¿Como foi a súa fichaxe?

-Un soño feito realidade. Non mo acababa de crer.

-¿Cantas veces os vira en directo?

-¡Moitísimas! Fun a case todo.

-O repertorio era pan comido.

-Pero aínda teño que facer miñas as cancións.

-¿Cal é a canción máis difícil?

-Tu Gitana. Para min foi un reto.

-Viríalle Rosa Cedrón á mente.

-Si. Tiña na cabeza a súa voz.

-¿Que tal a acolleron os fans?

-Dinme que hai boas críticas.

-¿Como é Belém Tajes?

-Pois teño moita música dentro. Ás veces cústame apagar a radio que teño na cabeza. E son coma un pan de aldea: un pouco toxo por fóra pero despois teño moita miga dentro. [Risas]

-¡Boa descrición! ¡Ja, ja! ¡E reivindicativa! Porque nós coñecémola por aquela denuncia contra unha escola infantil que non lle deixaba falar galego.

-En canto me puxeron por escrito que non podía utilizar o galego, convertinme en activista do idioma. Pero paseino mal. Foi unha época moi dura.

-E perdeu o traballo. ¿Agora vive só da música?

-Non, teño traballos relacionados con ela. Son profesora de música en diferentes sitios.

-¿Un truco para coidar a voz?

-Beber moita auga. Estou obsesionada coas infusións. Vou cun pequeno fervedoiro de auga a todas partes. E cun bote de mel.

-¿Cantar é o que máis lle gusta?

-Si, cantar e inventar. A min o que me gusta é inventar cousas. Eu de pequena quería ser inventora. A música foi a conexión perfecta: inventar en tempo real.

-Porque vostede compón os temas que fai con Voodo [nomeado ós premios Martín Códax na categoría Blues/Funk/Soul].

-Si, e está nomeado Pedeslán, do que tamén formo parte, así como de Sisters in the House.

-¡Fai de todo! ¿Por que estilo musical se decanta?

-Vólveme tola a música tradicional. As cancións que me cantan as miñas avoas son o máximo. Non hai nada por riba diso.

-¿Tiña antecedentes na familia?

-Meu avó era gaiteiro. Pero meu irmán e eu non o soubemos ata que nos naceu a nós ser gaiteiros.

-¿E cando lle naceu iso?

-Ós doce anos xa estaba no Grupo de Gaitas Airiños de Perillo. Ao principio non tiña interese, pero no grupo entrou meu irmán. Eu escoitaba as súas melodías coa gaita e aprendíaas directamente.

-¿Saénlle solas?

-Coa frauta, si. Cando el non estaba, roubáballe a gaita, ja, ja...

«Tiven a inmensa sorte de medrar en Arou (Camariñas). A aldea era para nós enteira»

Despois de tantos anos vivindo en Oleiros, Belém Tajes, nova cantante de Luar na Lubre, xa se considera «cen por cen perillana», pero non esquece as súas orixes en Arou (Camariñas). «Tiven a inmensa sorte de medrar na aldea», engade.

-E iso que vostede naceu en Bos Aires (Arxentina).

-Alí non saía da casa, practicamente. En cambio, en Arou, a aldea era para nós enteira.

-¿E non se emociona cando canta «Camariñas»?

-Úneme moito a esa canción. Na zona camariñana ese tema é case como que se lega no testamento. Se non o sabes, é un insulto.

-Pero a mellor versión será a de Luar na Lubre, ¿non?

-Teño que admitir que para a miña familia, non [risas] E que lle quitaron unha estrofa que é a mais emocionante [Ponse a recitar]: Miña Virxiña do Monte / que ós mariñeiros sempre vixías /non permitades que nunca / morra lonxe da terra miña.

-O do mar tócalle de cerca.

-Meu pai foi mariñeiro e agora traballa nun barco oceanográfico. O mundo do mar apaixóname.

-Agora está inmersa na xira do trinta aniversario de Luar na Lubre. Onte tocaron en Málaga e o domingo 21 de maio estaredes no Festiletras de O Couto (Ponteceso). ¿Que tanto fan iniciativas como esta polo noso idioma?

-Sempre que podo vou. Alí coñecín músicos e músicas marabillosas. É unha das iniciativas culturais máis importantes da Costa da Morte, xa que se reivindica a figura de Pondal e ao mesmo tempo se fomenta a difusión da lingua. Xunto coa programación, o mellor é o lugar onde se fan os concertos, na aldea do Couto, onde acude a veciñanza e xente de todos os lugares. ¡Fan falta máis Festiletras!!