«O coidado é 24 horas ao día, é unha vida totalmente dedicada ao meu fillo»

Dolores Vázquez OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

césar quian< / span> < / span>

Esta veciña de Oleiros defende o traballo municipal feito para liberar aos coidadores e darlles un espazo para eles

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Elita Díaz (Baleira, 1963) leva dez anos en Oleiros e foi alí onde lle mostraron que a asistencia ás persoas dependentes non pode restrinxirse aos servizos ou actividades para eles, senón que o coidador tamén precisa de axuda para poder axudar. Móstrase moi orgullosa dos avances do seu único fillo, un rapaz que este mes cumpre 26 anos e que estuda programación, superando a limitación dunha discapacidade física do 76 %.

-Vostede é coidadora.

-Teño un neno con parálise cerebral, que no seu caso aféctalle á motricidade e a dependencia é física. As persoas cando teñen a cabeza ben ás veces cústalles máis porque ven os propios problemas. Neste tipo de casos o soporte é máis educacional.

-¿Que custe persoal ten a súa atención?

-Hoxe é outra cousa, pero foi un coidado de 24 horas, atención total. Non polo problema que ten, senón porque é un neno que lle hai que ensinar a vivir cunhas limitacións. É unha vida totalmente dedicada. Agora sigo pendente del, sempre o teño comigo, aínda que sexa pendente do teléfono.

-¿Como era a súa vida previa?

-Tiven unha tenda de froitas e verduras. Cando o tiven dediqueille todo o tempo dende o principio, foi unha decisión de sacalo adiante, e non foi miña, senón de parella, porque evidentemente se a outra persoa non está disposta a traballar o dobre ti tampouco podes facelo, é de equipo. O mérito non é só meu.

-En Oleiros chegou a un servizo que non demandaba.

-Eu cando fun ao Concello buscaba actividades para el e cursos de hixiene postural para axudalo, atopeime algo incrible que é que coidaron de min.

-¿Como o vivira ata daquela?

-Era consciente de que necesitaba unha escapatoria, pero a vida é moi complicada, cando tes un problema tes que facer unha vida que non vai coa do resto da sociedade e se non es capaz de seguir o ritmo perdes ata os amigos e ao longo da vida iso desgasta e vaste quedando cun entorno pequeniño.

-¿Que lle ofreceron?

-Oleiros ofreceume ter un tempo para min. Ás veces estamos tan metidos no noso mundo e na nosa situación que pensamos que se non se fai da nosa forma non vai funcionar, porén aquí traballan contigo con formación, música e en dedicar un tempo para ti. O título de Descubrindo emocións é xenial, porque primeiro tes que descubrir o que sentes para despois poder solucionalo. O taller vale para comunicarnos, fas amigos e fas actividades. A opción das persoas coidadoras é encontrarse a si mesmas e que cada un desenvolva o que poda. Estas terapias axúdannos.

-¿Cales son as demandas do colectivo?

-É complicado, cada coidador temos unha persoa ao noso cargo totalmente diferente. O bo é que se trate de xeito particular, non todos temos as mesmas necesidades, e que se teñan en conta cando se fan políticas a nivel estatal.

-¿Como ve a Lei de Dependencia e para que lle valeu no seu caso?

-Que non está acabada de desenvolver. Solicitara unha persoa para que estivera co meu neno no instituto e tiven que estar eu. Naquel momento non cumpriu as expectativas, agora si, teño un asistente persoal que me axuda, pero cando me facía inmensamente falta non o tiña. Aínda que o tiña solicitado, estivo moito tempo arquivado e non sei por que, o que tiña era a axuda do Concello. Aínda así penso que a dependencia non se xestiona correctamente porque o servizo ten que ir por medio dunha empresa polo que os cartos chegan recortados. Non entendo que non se xestione directamente.

Colectivos de A Coruña, Chantada e Oleiros reúnense hoxe en As Torres

Este ano Oleiros volve a ser o anfitrión do encontro de persoas coidadoras que reúne a uns 70 membros dos grupos Música e Saúde e Teatro e Saúde, de Afaco Coruña; Mellorando, de Chantada; e Coidando emocións e Descubrindo emocións, que impulsa Servizos Sociais de Oleiros. A proposta é que se reúnan para compartir experiencias. No caso do Concello de Oleiros polos seus programas teñen pasado máis de 300 persoas en oito anos tras detectarse as necesidades dos coidadores e o edil Nacho Crespo recoñece que a atención as persoas coidadoras «é un piar fundamental».