Adeus ao eterno e contaxioso sorriso do noso Ángel

Irixoa vive consternada pola prematura morte dun rapaz de 23 anos tras loitar contra un cancro


Amigo e concelleiro de Irixoa

Moitos veciños de Irixoa non recibiron onte a súa ración habitual de pan cocido no forno de Pan dos Reis. Era o mal augurio que anunciaba un desenlace que xa tiña a todo o concello preocupado dende hai meses, a saúde de Ángel dos Reis, un rapaz de 23 anos, panadeiro no negocio familiar e amante dos coches. Ángel marchou. Con toda a vida por diante, co seu sorriso e o seu humor que o levou a insistir en que estaría de volta antes que tarde. Incluso despois de se recuperar da súa operación chegou a disputar un rally. Optimista sempre. A iso haille que engadir unha chea de medallas en artes marciais. O caso era non estar quieto. Atopábase no hospital (a súa segunda casa durante o último ano) cando no grupo de WhatsApp que temos uns amigos cazadores preparabamos unha batida para un domingo. El, co pixama do Sergas, respondía que contaramos con el, que se ía recuperar pronto para volver ao monte.

Hai menos dun mes celebraba o seu regreso á casiña, con moi bo ánimo, e sobre todo cunha enchente de cariño que quería verter sobre todo o mundo, a tanta xente que lle enviara o seu ánimo cando tan mal o estaba pasando. Foran case 50 días consecutivos alí metido. Pero regresaba á casa con moito ánimo, con optimismo.

Eran días de optimismo, como a principios de ano, cando posou nun vídeo co gran humorista Xosé Antonio Touriñán. Xuntos enviaban unha mensaxe de ánimo «a todos os que estades loitando contra esa merda». Lamentablemente, o bo de Touri tiña que desexarlle unha «boa viaxe» a Ángel e «apertas enormes á súa xente».

Dende aquela cama do Hospital da Coruña enviou moitas fotos co polgar levantado, para que non nos preocupásemos por el.

Ángel dos Reis, que gran corazón tiñas. Que miserable o cancro que te levou. Que bo recordo deixas aquí abaixo e canta tristura. Cazador. Piloto. Taekwondista. Extraordinario ser humano. A túa familia e os teus amigos non te esqueceremos nunca.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos
Comentarios

Adeus ao eterno e contaxioso sorriso do noso Ángel