África López: «Gústanme as mulleres que chegaron lonxe cando era tan difícil chegar»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

ELLAS

MARCOS MÍGUEZ

A profesora de Filosofía no Urbano Lugrís presenta este luns o seu último libro

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo estaba aí, nas bibliotecas coruñesas. África López Souto (A Coruña, 1966) pasou centos de horas mergullada entre libros para rescatar da invisibilidade ás mulleres máis valentes e valiosas da nosa historia. O resultado son 360 páxinas que se presentan este luns, ás sete da tarde, no Ágora da Coruña: Mulleres que (nos) dan que pensar (Editorial Galaxia).

-Como foi a travesía?

-Empecei a navegar no século IV coa peregrina Exeria e reflexiono sobre a dificultade das mulleres para acceder ós ámbitos deportivos. Sempre se nos supuxo pasivas.

-Foi a primeira peregrina da historia?

-Foi a primeira galega da que temos noticia en escribir sobre a súa peregrinación. O obxectivo é sacar á luz mulleres para que se coñezan e as integremos nos nosos coñecementos.

-Cal lle deu máis que pensar?

-A futbolista Irene González, que tivo un equipo de fútbol mixto na Coruña, do que ela era capitá. Viviu pouco tempo porque morreu de turbeculose moi nova, pero chegou a ser moi famosa. E sen ser deportista, a primeira almiranta Isabel Barreto.

-Tamén hai moito que visibilizar no mundo da ciencia.

-Por iso saco a científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño, a matemática María Wonenburger ou a astrónoma Antonia Ferrín, que non está dabondo recoñecida. Falo tamén da innovación pedagóxica, con María Barbeito, e de Isabel Zendal.

-Que merece capítulo aparte.

-Levou a vacina da varíola a Filipinas, sendo unha das primeiras enfermeiras internacionais. Adiántase no tema da cooperación internacional, é moi profesional en todo o que fai. Gústanme as mulleres que chegaron tan lonxe en tempos nos que era moi difícil chegar.

-Nótase que a admira.

-Admiro ás mulleres que dan máis importancia ao ámbito profesional que ó doméstico.

-Ademais da intelectualidade, fai homenaxe ás traballadoras.

-Si, falo das mariscadoras, das redeiras e das leiteiras, pero tamén das cigarreiras da Coruña e das tecedeiras de Vilasantar.

-Con tal cantidade de datos, foi tediosa a documentación?

-Lin moito. A maior parte da bibliografía saqueina de bibliotecas coruñesas, da de Estudios Locais, da do Ágora… Utilicei bastantes fontes.

-Non hai sitio para os homes no seu libro?

-Si, ao final falo das novas masculinidades. Son os homes que, dende o Renacemento, se amosan como feministas, aínda que non utilizan esa palabra.

-É unha feminista optimista?

-As novas xeracións non parten de cero á hora de pensar en referentes femininos. Houbo moitas mulleres destacadas en todo o mundo, pero as súas obras tenderon a quedar moito máis ocultas que as dos homes.

-Cal é a conclusión?

-A botella pode verse medio chea e medio baleira. Os avances son grandes, pero non todo é para botar foguetes porque tamén se dan pasos para atrás. Hai unha onda reaccionaria dicindo cousas como que non existe violencia machista ou que as mulleres xa o temos todo conseguido. A nivel legal, si, pero na práctica segue a haber discriminacións e seguimos en desventaxa. Queda moito por facer!

«Teño alumnos que me preguntan se eles tamén poden ser feministas»

África López Souto xa escribira libros sobre Simone de Beauvoir e Concepción Arenal (Editorial Baía), pero agora acaba de lanzarse polo mar do feminismo galego cunha escolma de mulleres pioneiras e loitadoras. A historia de Coruña está chea de grandes mulleres que non son moi coñecidas.

-Como xurdiu a idea do libro?

-Foi unha proposta do editor Francisco Castro. Cando mo dixo, iluminóuseme a cara. Eu tiña investigado bastante sobre mulleres e sempre defendín a necesidade de facer máis públicas ás nosas referentes femininas.

-É profesora de filosofía e escribe sobre mulleres. O feminismo hai que tomalo con moita filosofía?

-Totalmente, hai que tomalo con moita filosofía, sen presa pero sen pausa. Pero mulleres e homes, ¡eh! O feminismo é cousa de todos.

-Algúns pensan que vai contra eles.

-E están á defensiva. Teño alumnos que me preguntan se eles tamén poden ser feministas. Pois claro que si!

-Falta sentido do humor no feminismo?

-Si, estou de acordo. É importante o diálogo cos homes e coas persoas que non son feministas. Ás veces, fai falta desdramatizar, rir e falar as cousas con calma. E falar doutros temas!

-Pensa que pode acabar rompendo de tanto usalo?

-Gustaríame non ter que darlle tantas voltas a como as mulleres nos condiciona o feito de ser mulleres e poder pensar noutros temas, pero iso segue a ser así. O feito de ser mulleres nos condiciona ás veces positivamente, pero moitas outras, negativamente, por todos eses valores que están asentados de forma moi profunda e non consciente na sociedade.

Traxectoria profesional: Profesora de Filosofía no IES Urbano Lugrís, é autora de libros sobre Simone de Beauvoir e Concepción Arenal, da editorial Baía.

Nome viaxeiro: De pequena era moi afeccionada á literatura de aventuras, pero puxéronlle África pola súa nai e pola súa avoa.

Un reto: Sempre defendeu a necesidade de facer máis públicas ás nosas referentes femininas.