Deirdre Barry-Murphy: «Aos alumnos lles sorprende que sendo irlandesa fale galego»

Loreto Silvoso
Loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

ELLAS

CESAR QUIAN

A profesora organiza na Escola de Idiomas «coffee-sessions» con aprendices de galego e inglés

10 nov 2019 . Actualizado a las 19:42 h.

A responsable de potenciar o galego na Escola Oficial de Idioma da Coruña é unha irlandesa. Chámase Deirdre Barry-Murphy (Cork, 1981), leva 13 anos vivindo en Galicia e é a maior entusiasta do noso idioma. Aclaramos que seu nome dise «Dirdra».

-¿Que fai unha irlandesa dinamizando o galego na Coruña?

-[Risas]. Ofrecéronme o posto e acepteino encantada. Trátase de facer mais visible na Escola o galego, que non se usa moito. Eu empecei en Muros e alí falaba galego todo o tempo. Facemos coffee-sessions. A primeira media hora é en galego e a segunda, en inglés. Temos un club de lectura e imos facer obradoiros de cociña.

-Boa mestura de acentos.

-A idea é que a xente vexa o galego como algo natural na Escola, e non só dentro das aulas.

-Aos alumnos non lles choca?

-Non! Encántalles! Como novidade, é un bo selling-point. Ser irlandesa e dinamizar o galego na Escola de Idiomas vende moito.

-Vende mellor o galego que os propios galegos, quere dicir?

-Non digo iso, pero é rechamante e novo. Hai galegos que, sendo de aquí, pensan que todo isto non vale para nada. Atopo moitos poñentes que son americanos e canadenses que están aprendendo galego. A charla que temos mañá [polo venres pasado] é cun chico de Nova York que está aprendendo galego aquí.

-Vostede tamén é profesora. Da clases de galego ou de inglés?

-De inglés, de inglés. Eu empecei traballando de lectora na Facultade de Filoloxía Inglesa. Aí coñecín á miña parella, decidín quedarme e facer as oposicións.

-Todo empezou nun curso de galego para funcionarios?

-Si, foron dous meses de verán nos que aprendín moitísimo. Fun cunha actitude moi aberta.

-Non o tomou como «unha imposición lingüística».

-Eu nunca o tomei como unha obriga, senón como un requisito necesario. Como empregado público tes que falar no idioma no que che fala a xente.

-Galegos e irlandeses sempre nos levamos ben, pero sentiuse nalgún momento unha intrusa?

-En absoluto. Aos alumnos lles sorprende que sendo irlandesa fale galego, pero logo gústalles.

-E logo está o tema do gaélico.

-Si. En Irlanda todos os alumnos aprenden gaélico na escola, pero cústanos moitísimo falalo. Non é parecido ao inglés. Pasamos moitos anos aprendéndoo. De feito, gustaríame retomar algún día a súa aprendizaxe.

-Co «brexit», que?

-Eu non vexo aos irlandeses preocupados con este tema. Non o acabo de entender.

- Pensa en como lle pode afectar a vostede a nivel persoal?

-Preocúpame ter que pasar por Heathrow. O voo Santiago-Dublín ten moitísimo éxito. Teñen que poñer unha conexión con Cork!

-Falemos da conexión atlántica. Similitudes entre Galicia e Irlanda. 1, 2, 3, Responda outra vez!

-O tempo! Sei que é un estereotipo, pero é así. E o noso carácter é bastante parecido. Os irlandeses non somos moi extravertidos, somos mais da casa... Pero tamén hai diferenzas, claro. Por exemplo, creo que en Irlanda coidamos mais a paisaxe urbanística. Nas localidades mais pequenas, nótase especialmente.

-Xa está tardando en falar da conexión musical...

-Si, claro, a música celta! Por iso que non me custa nada vivir aquí!

«A miña familia é moi coñecida en Irlanda, pero aquí son anónima»

Na Coruña pasa desapercibida pero, no seu país, Deirdre pertence a unha familia moi coñecida. Resulta que esta profesora de inglés na Escola de Idiomas da Coruña é filla dun mítico xogador no seu país: Jimmy Barry-Murphy.

-Vou ter que pedirlle un autógrafo, daquela.

-A miña familia é moi coñecida, pero aquí teño unha vida moito mais anónima. [Risas]. Meu pai xogaba ao hurling, que é un deporte tradicional de Irlanda. E meu irmán, Brian, foi xogador de fútbol e é adestrador do Rochdale, un equipo da Segunda División. Pero somos de Cork.

-Bonito Cork, non?

-Si, está no sur de Irlanda. É moi parecido á Coruña, pero en vez do mar, temos o río Lee. Por certo, que en Cork hai un centro de Estudos Galegos na universidade.

-Acabáramos! Aí foi onde se namorou do galego?

-Curiosidades da vida, eu non elixín o galego alí. Fun pola optativa de… ¡catalán! E agora non me lembro nada do catalán, pero acabei fomentando o galego aquí.

-Nunca pensou tal

-Nunca! [Risas].

-Como se sinte en Galicia?

-Moi ben. Levo aquí 13 anos e xa estou moi acostumada.

-Moito cambio ao principio?

-O horario das comidas. Paréceme mais saudable o de aquí.

-Caldo e callos, ben?

-Vaia, non me gustan, pero o marisco encántame!

-E o peixe de Gran Sol?

-En Irlanda deben pensar que coñezo a toda a xente de Galicia. Se pasa algo cun barco galego faenando alí, xa me preguntan se os coñezo de algo.

-E de Galicia que lles soa?

-Si, o Camiño de Santiago. Antes coñecían ao Deportivo, pero cada vez menos.

-Triste, si.

-Cando estaba na Champions, si.

Gústalle vivir en galego

 A irlandesa Deirdre Barry-Murphy é a maior defensora da nosa lingua na Escola de Idiomas. Na súa cabeza bulen as ideas para incorporar galegofalantes dentro e fóra das aulas.

Feliz na Coruña

Recoñece que, se vivise no sur de España, a adaptación non tería sido tan fácil. Leva 13 anos en Galicia. Coñeceu á súa parella na Facultade de Filoloxía. Teñen unha filla.