Xosé Antonio Touriñán: «Temos leira parkings para que todo o mundo poida acudir»

F. M / C. V. / E. S. A CORUÑA

CULLEREDO

ANGEL MANSO

Durante toda a semana celebraranse as festas de Castelo, en Culleredo, con numerosas actividades para todos os gustos

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas de María Pita non son as únicas as que se pode asistir no ámbito da Coruña neste mes de agosto. A pequena parroquia de Castelo, en Culleredo, celebra estes días a súa semana grande. Música, comedia, cultura e tradición oral son as actividades incluídas no programa. Hoxe a xornada comezará con actividades para os cativos con Xente Miúda. Pola tarde os máis maiores poñerán en común as súas lembranzas nos Contos de Castelo entre moitas outras actividades.

Xosé Antonio Touriñán é a alma destas festas e onte estivo no programa Voces de A Coruña, de Radio Voz, explicando os aspectos máis significativos da semana festiva.

—Sito Sedes estará nestas festas o domingo a partir das 14.00 horas, entre outros moitos artistas. Cada ano este festival vai a máis.

—A xente ten moitas ganas de volver a xuntarse, de volver a gozar e de volver a pasalo ben. Igual nos quentamos demasiado e fixemos unha semana demasiado completa, pero é para todos os gustos e para que non se aburra ninguén. Moitos dos que van actuar como Xabier Díaz ou Guadi Galego, xa son amigos. Xa é a festa de moitos deles, é coma a súa aldea.

—Hoxe vaise inaugurar o mural homenaxe a Finita Gay e ultimamente está moi implicado nesta faceta artística.

—Dende que coñecín a Mon Devane, que foi quen fixo ese mural tan famoso en Cambre, comezou entre nós unha grande amizade. Propúxenlle vir a Castelo e facer algo chulo, do que el controla. Hoxe inaugúrase este mural e é unha homenaxe a unha emprendedora que nun tempo difícil, sendo muller, quixo adicar a súa vida á música. Aínda que lle custou moito traballo, acabou sendo unha exitosa empresaria. Como era de Castelo, debíamoslle esta pequena homenaxe por facernos felices.

—Para a xente que vaia acudir en coche a estas festas, que alternativas de aparcamento terán?

—Agardamos que non haxa ningún problema nese sentido. Como boa aldea temos xa as nosas leira parkings gratuítas, ben preparadiñas, para que todo o mundo encontre un bo sitio para aparcar e poida acudir. Animo a que toda a xente comparta vehículo para aforrar e para contaminar menos, así somos respectuoso có medio ambiente. Este é un dos propósitos deste festival, coidar a nosa terra.

—Para algunhas actividades é necesario comprar entradas, como este xoves para ver a comedia «Somos Criminais 3».

—As segundas partes non son boas, por iso quixemos atallar e ir directamente a terceira. Fai xa uns meses que rematamos esa primeira volta no teatro. Carlos Blanco e máis eu somos os primeiros criminais e esperamos que a xente goce con este espectáculo