O Arousa ficha a Javi Sandá para a zona de creación

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CULLEREDO

la voz

O coruñés de 23 anos chega dun Coruxo no que apenas xogou

28 jun 2022 . Actualizado a las 20:44 h.

Javi Sandá (Culleredo, 21 de maio de 1999) vén de sumarse ao novo proxecto co que a directiva do Arousa pretende devolver o seu primeiro equipo á Segunda RFEF pola vía rápida. Unha fichaxe destinada a enriquecer a medular do conxunto arlequinado, por canto falamos dun mediocentro creativo.

Formado nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña, con cuxo equipo xuvenil chegou disputar Liga de División de Honra, Javi Sandá abriu a súa etapa de futbolista sénior nas filas do Laracha CF, na Terceira División. Foi neste equipo no que ofreceu a súa mellor versión ata hoxe, titular indiscutible con 2.627 minutos en 35 partidos e asinando 4 goles. Os dous cursos seguintes continuou na Terceira División, lucindo a camisola do Racing Vilalbés e xogando 27 encontros en cada una das campañas, 1.696 minutos cun tanto anotado na primeira e 1.742 minutos na seguinte, que rematou sen ver portería.

O Coruxo incorporou o pasado verán a Javi Sandá, que deste xeito debutaba na Segunda RFEF de nova creación. Con todo, a experiencia resultou un freo no crecemento do centrocampista, que rematou o último curso con tan só 393 minutos disputados en once partidos de Liga, inédito nos dous terzos restantes do calendario dunha competición que practicamente viviu desde as gradas dos campos da categoría.

A de Javi Sandá é a segunda fichaxe que o secretario xeral e vicepresidente deportivo do Arousa, Rodrigo Lojo, e mais o adestrador do equipo arlequinado, Luisito, fixeron ata agora no caladoiro da Segunda RFEF, logo do anuncio a finais da semana pasada do regreso do senegalés Sylla tras un ano no Coruxo e os dous últimos no Arenteiro.

Coa do mediocentro creativo de Culleredo, xa son oito as fichaxes realizadas polo Arousa para o seu cadro de xogadores na Liga de Terceira RFEF 2022/23, a maioría procedentes desta mesma categoría, logo das contratacións dos defensas Martín Sánchez (central zurdo incorporado do CD Estradense), Carlos Pacheco (lateral ou central dereito, do Somozas), do mediocentro Brais Vidal (CD Estradense), dos extremos Hugo Barcia (esquerdo, procedente do Valladares de Preferente) e Brais Pedreira (dereito, do Arzúa) e do dianteiro Borja Míguez, fillo de Luisito (CD Estradense), amén do de Sylla.