Leonardo Casado e Juan Rodríguez: «O Agra naceu e medrou da man de xentes que viran doutros lugares»
A CORUÑA CIUDAD
A Deputación premiou o seu proxecto «Memoria Migrante (en) Movemento»
07 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Leonardo Casado (Quilmes, Arxentina, 1986) e Juan Rodríguez (A Coruña, 1979) están á fronte dun peculiar espazo cultural —metade libraría, metade ágora— chamado Galgo Azul que serve como centro de dinamización cultural para o barrio do Agra do Orzán. Desde este punto da Gramela lanzaron unha proposta chamada Memoria Migrante (en) Movemento, que ven de recibir o recoñecemento da Deputación da Coruña dentro do seu programa de Proxectos culturais singulares para a mellora social.
Pregunta. Qué é exactamente este proxecto premiado?
Leonardo Casado. Dende a libraría facemos accións de dinamización cultural do barrio, sempre ligadas á realidade dos nosos veciños e das nosas rúas. O ano pasado traballamos coa memoria do vello muíño da Gramela. Esa foi a nosa primeira acción sobre a nosa historia. E este ano presentamos algo que é parte da identidade do Agra: a realidade migrante. Porque este barrio naceu e medrou da man de xentes de outros lugares. Así que quixemos mirar esta realidade desde as artes, a literatura, a música e incluso desde a gastronomía. E con todo iso xerar conversas, que se fale do tema nas rúas.
Juan Rodríguez. Este barrio naceu da xente que viña da Costa da Morte, buscando unha mellor calidade de vida na cidade, creando o barrio con maior densidade de poboación de toda Europa. Aínda que o perfil cambiou, aquí todos somos migrantes. Os meus pais viron desde Ourense, do Barco de Valdeorras, nos anos setenta. Éramos unha familia de oito persoas vivindo nun piso de dúas habitacións. Unha realidade moi parecida á que viven actualmente moitos senegaleses que chegan ao barrio.
L. C. E eu son de Arxentina, pero meu avó naceu en Zamora, así que é unha historia de ida e de volta.
P. Cómo é este proxecto?
J. R. Ten diferentes patas. A primeira ten que ver cunha parte expositiva, outra con faladoiros, a terceira con obradoiros, encontros comunitarios, arte... E todo terá lugar entre este mes de setembro e decembro.
L. C. Para a parte expositiva temos falado co Consello da Cultura Galega para que parte da exposición Emigrantas, que estivo montada no Kiosco Alfonso e que conta as historias de mulleres galegas que migraron, poidámola sacar á rúa, aos escaparates dos comercios do barrio.
J. R. E no apartado artístico temos pensado facer tres murais que representan tres momentos da migración no barrio. Os encargados de facelos son artistas que viron de Arxentina, Venezuela e Panamá. Neles interpretarán a primeira historia de migración do barrio, a de Genaro Fontenla, que foi a México no século XVIII e regresou ao barrio onde montou o muíño da Gramela. Outro recupera a historia dos que viñeron nos anos sesenta e setenta, os que levantaron o barrio, e o terceiro falará da migración desde a perspectiva da infancia.
L. C. E teremos faladoiros con Arturo Lezcano, autor de O país invisible, e Xurxo Souto; ou con veciños do barrio chegados de distintos lugares e en distintas épocas, onde veremos que cambiou e que teñen en común.
P. E tamén haberá espazo para a gastronomía.
C. V. J. Si, é que o Agra é unha especie de ONU da gastronomía, aquí hai de todo e de todas as procedencias: Marrocos, Arxentina, Venezuela, Colombia, República Dominicana... Así que faremos unha ruta polos distintos establecementos hostaleiros do barrio, para ver a súa riqueza cultural.
P. Falan tanto da emigración como da inmigración.
L. C. A migración é unha realidade que atravesa a historia de Galicia tanto nun sentido como no contrario, por iso queremos romper esa dicotomía entre o emigrante e o inmigrante. Falamos deste fenómeno en termos globais, porque así o temos vivido na nosa terra. Tivemos tantas idas como voltas.
P. Polo de agora veremos este proxecto no Agra, pero podería exportarse a calquera outro barrio.
L C. Totalmente, e non só a outro barrio da cidade, senón a calquera punto de España, isto é algo global e común.
«Galgo Azul non é só unha libraría, preferimos definilo como un sitio onde pasan cousas»
A libraría Galgo Azul que rexentan Leonardo Casado e Juan Rodríguez abriu as súas portas na Gramela fai case tres anos e se converteu nun revulsivo cultural no barrio.
P. Chamarlle libraría é quedarse corto.
L. C. Exacto. Creo que a mellor definición é a de «un sitio no que pasan cousas». Somos libraría, e cafetería, e temos espazo para obradoiros e incluso para artes escénicas. É un sitio que naceu coa intención de ser un fogar dentro do barrio e dentro da cidade. Así que é iso, un sitio onde pasan cousas, moitas cousas, e que ten como bandeira a diversidade en todos os seus aspectos. Un punto de encontro para todo o mundo.
P. E cómo xurdiu a idea de montar algo así?
L. C. Cada un aportou o seu. Juan ven do mundo das artes escénicas, xa que dirixe xunto a Laura Sarasola a compañía Caramuxo Teatro. E eu veño do mundo do patrimonio, a museoloxía e os proxectos educativos e culturais. Ademais, sempre quixemos que tivese porosidade para impregnarse de cousas novas co paso do tempo, que non fose algo pechado.
P. E neste sitio no que pasan cousas, teñen pasado cousas nestes tres anos?
C. V. J. Pasou de todo! E estamos moi contentos con iso. Tivemos moita literatura, claro, pero tamén gastronomía, música, debates...
P. O feito de situarse na Gramela foi casual ou intencionado?
J. R. Eu vivín aquí toda a vida, e sempre pensei que lle facía falta un espazo cultural destas dimensións cunha programación diversa para darlle ao barrio unha oferta cultural de calidade, sen ter que ir sempre ao centro para atopar este tipo de propostas.