Cumpríronse 50 anos da volta do exilio de Salvador de Madariaga e o Instituto José Cornide celebrouno o día 23 cunha preciosa e emotiva homenaxe coa importante colaboración do Concello de A Coruña. Madariaga foi sempre profeta na súa terra e segue a selo, cada día máis, porque hoxe falamos da súa idea de Europa e do inmenso labor que realizou para facela posible, e non do liberal conservador que foi, anticomunista radical, alleo aos bandos contendentes na Guerra Civil e negociador da paz con políticos europeos en nome dunha «terceira España», da que se sentiu portavoz.
Julián Marías coidaba que as desventuras daquel tempo convulso fixeron medrar a categoría intelectual e moral de Madariaga, e eu coido que o seu extraordinario prestixio débese ao exilio. Dígoo porque en 1969, sendo valoradísimo internacionamente, políticos mozos de esquerda criticaban en España publicamente as súas colaboracións en Abc. E moito antes Madariaga, ególatra e polemista, espertaba tantas admiracións como antipatías. En 1923, un debate na prensa con Ortega, non menos ególatra nin polemista, irritou ao filósofo que entre xente de confianza lle chamou «tonto en cinco idiomas». E cando na Guerra Civil Madariaga —que fora embaixador da República en Francia— deixou de relacionarse cos políticos republicanos para se mostrar independente e impoluto ante os interlocutores estranxeiros, Pablo de Azcárate, embaixador en Londres, considerou a súa actitude «unha parodia de neutralidade» e acusouno de carecer de autoridade moral para mediar en nome dos españois. O peor é que, moitos anos despois, Azcárate dicía a quen quería oílo na súa casa en Xenebra que Madariaga coidaba que Franco o nomearía conselleiro áulico; e cando viu que non o chamaba, converteuse no seu inimigo.
É unha aldraxe sen fundamento. Madariaga non ocultou que nos primeiros días viu con simpatía o Movemento Nacional e pensou que Franco era un patriota, pero decontado se decatou do horror da cruzada e da catadura do Invicto. Contra Franco estivo sempre e atacouno de todas as formas posíbeis, pero o que máis amolou ao Caudillo foi velo presidindo en 1962 o IV Congreso Europeo, en Múnic, coa participación de 118 opositores ao franquismo que tentaban promover a democracia en España, cando volvían as folgas mineiras a Asturias e a Comunidade Económica Europea pechara a porta a España. O réxime chamou á reunión despectivamente o «Contubernio de Múnic», pero a represión dos participantes con penas de cárcere e desterro proba o mal que sentou. Augusto Assía conta que cando Madariaga publicou General, márchese usted, el preguntoulle: «Pero don Salvador, cree que Franco se va a marchar porque usted se lo diga?» E Madariaga respondeu: «No es que Franco se vaya a ir. Es que se va a crear una atmósfera en el mundo que le va a hacer imposible su continuidad». Assía xustificábao polo inxenuo e boa xente que era.