Carmela Galego, presidenta de Agrupación Alexandre Bóveda: «A Coruña é unha cidade envorcada coa cultura, e tamén moi disfrutona»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Carmela Galego, presidenta colexiada da Agrupación Alexandre Bóveda.
Carmela Galego, presidenta colexiada da Agrupación Alexandre Bóveda. EDUARDO PEREZ

A asociación que preside celebrou o seu 50.º aniversario cunha gala no Rosalía

06 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda está de aniversario. Cumpre nada menos que 50 anos cumprindo coa súa comanda de potenciar e preservar a cultura galega, entre outros obxectivos sociais. A historiadora da Arte Carmela Galego Marante (A Coruña, 1979) é presidenta colexiada —xunto a Daniel Rodríguez Cao, Jorge Castro Ruso, Luz Rivas Troiteiro e Marisol García Juárez— de Alexandre Bóveda, que o pasado mércores abriu a gala de aniversario que celebraron no Teatro Rosalía, na que actuaron, entre outros, Mofa e Befa, Mercedes Peón, Eva Veiga e o gaiteiro Raúl Galego.

—Cal foi o seu primeiro contacto con Alexandre Bóveda?

—Imaxino que o meu primeiro contacto ven case de cría, porque meu pai, gaiteiro, sempre foi unha persoa moi activa dentro da cultura galega. Así que dalgunha maneira iso sempre estivo aí. Pero o contacto directo coa asociación foi porque eu estaba no programa Lecer Cultural do Concello con obradoiros da Historia da Arte e tamén tiña escrito algúns artigos sobre a situación da muller dentro da arte e a arquitectura. E se puxeron en contacto comigo desde Alexandre Bóveda, porque nese momento estaban arrancando co programa A Coruña das Mulleres. Lles interesou ese perfil da investigación da cuestión de xénero e así entrei a colaborar coa asociación.

—E xa non lle deixaron marchar.

—Iso pasa, entras e te sentes moi arroupada, atopas xente coa que compartes os teus intereses culturais... E quedei pendurada ate que fun facendo o meu compromiso máis grande e botando cada vez máis tempo alí ata chegar a entrar na presidencia.

—Cómo entende a cidade o papel dunha organización como Alexandre Bóveda?

—Cada vez imos tendo máis forza. Son xa cincuenta anos, o que ten moito mérito, porque pasamos por épocas moi difíciles para o asociacionismo de base. Pero ao final as nosas preocupacións son as preocupacións da cidade, como as cuestións de xénero, a xustiza social, o medio ambiente... Así que estamos sempre tocando cuestións que á sociedade civil lle interesan. Ademais, A Coruña é unha cidade moi envorcada coa cultura, moi aberta e libertaria, pero tamén moi disfrutona. Gústame ver que cando propós unha actividade cun toque festivo sempre ten éxito e chegas a moita xente e cun perfil moi amplo.

—Celebraron a pasada semana eses cincuenta anos. Cómo anda de saúde a agrupación?

—Levamos xa todo o ano con celebracións, pero o do mércores foi como o acto central, unha ocasión para poñer tacóns. Comezamos o ano cunha exposición no noso local que nos permitiu escudriñar no noso arquivo. E decatámonos de toda a historia que teñen estes cincuenta anos, que son moitos. Vimos que houbo momentos marabillosos, e outros moi duros. Agora creo que estamos nun bo momento, sobre todo porque temos conquistado moita participación da cidadanía. E, por exemplo, temos o relevo xeracional asegurado. Na xunta directiva hai membros que non naceran cando se fundou a entidade, como é o meu caso.

—Cultura galega, xénero, xustiza social, medio ambiente... Cómo compaxinan abordar cuestións sociais e cuestións culturais?

—Son perfectamente compatibles. Temos compañeiros universitarios e tamén outros que nos setenta tiveron que pasar pola cadea polas súas ideas. Hai unha heteroxeneidade moi agradecida. E o máis importante é o compromiso, que si vai algo mal ao día seguinte estar outra vez aquí.

—Levan o nome de todo un símbolo da Galiza Mártir. Coñécese ben a figura de Alexandre Bóveda?

—Non o suficiente. E se cadra é tamén un pouco culpa nosa. Temos casos curiosos, como cando nos chamaron dun organismo estatal preguntándonos se estaba o señor Alexandre Bóveda. Claro que nunha ocasión unha compañeira contestou a esa pregunta cun «si, son eu». Iso si que é identificarse coa asociación [ri].

«A xente nova ten interese e compromiso, pero me preocupa o que lles deixen facer»

A actividade da agrupación Alexandre Bóveda é frenética. Raro é o día que non conten con algunha actividade na súa sede que actualmente se atopa no edificio do Circo de Artesáns.

—Artesáns e Alexandre Bóveda, dous referentes compartindo casa.

—Con toda a humildade pola nosa parte, diante do que é o Circo de Artesáns, pero si, estamos xuntando forzas moitas veces.

—Teñen boas instalacións...

—Neste aspecto son moi politicamente incorrecta. Pero é que eu son de Historia da Arte, e o edificio antigo do Circo de Artesáns, comparado con este... En fin. É unha espiña que teño cravada. Moitas veces cando entro pola porta me imaxino cómo tiña que ser esa entrada antes de que o desarrollismo entrase na cidade. Foi unha arquitectura que quedou obsoleta demasiado rápido. O que si que hai que recoñecer é que estamos moi ben situados e que temos unhas instalacións amplas e moi útiles. Encántanos esa discoteca tan vintage que ten.

—Cómo ve o futuro da cultura galega?

—Teño esperanza, aínda que temos feito un traballo no que fixemos unha batida dos últimos títulos da literatura galega e vimos que hai un déficit importante de nomes que naceran na década dos 90 ou dos 2000. E iso paréceme preocupante, aínda que dentro dese contexto aínda non temos a peor conxuntura. O que me preocupa non é tanto o interese e o compromiso da xente moza, porque son moi fan da xuventude, senón o que lles deixen facer. Estamos nun momento de incerteza, e non é por falta de vontade, senón porque hai moitas trabas por parte das institucións. Pero confío na sensibilidade da xente moza.