Blasón e bandeira

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A CORUÑA CIUDAD

Bandera de Galicia.
Bandera de Galicia. MARCOS MÍGUEZ

Ferve a polémica porque a alcaldesa da Coruña anunciou que a cidade vai adoptar unha bandeira oficial. Isto non é tan sorprendente coma o feito de que afirmara que A Coruña cedera no seu momento esa bandeira marítima, coa aspada cruz de santo André, para a bandeira galega, cousa que eu saiba non consta en ningures. Isto deu lugar a sanguíneos debates nas redes, ás veces máis serenos e outras coléricos. Coma sempre pasa, detrás destas disputas históricas debátense circunstancias contemporáneas, que son as que lle dan o prebe picante a estas discusións. A ninguén se lle escapa que detrás está a vontade coruñesa de concentrar máis poder político ao redor do liderado financeiro e empresarial da cidade. Para estes debates do hoxe tampouco é necesario facer pinchacarneiros históricos que ás veces saen ben e outras non tanto.

Pero iso fíxome pensar en como nas comarcas da costa afrontamos os símbolos municipais, que é con certa indiferenza e practicidade. Hoxe moitas vilas contan cunha versión moderna e simplificada para a web ou os carteis e logo a versión protocolaria para os plenos e para a entrega de placas. Gústame ver como os concellos agrarios creados no XIX se tiveron que buscar a vida para inventar un escudo que gravar no selo.

Encántame o caso de Mazaricos. No seu vello blasón alguén con pouca inventiva xuntou unha serra de cortar madeira, unha pala e un angazo. Xa no ano 1992, o concello se atreveu a substituílo pola silueta do paxariño de longo bico do seu nome. E nin tan mal.