Vangarda do consumo responsable, ecolóxico e de proximidade, a cooperativa do Castrillón reúne a 150 familias, 10 produtores locais e un millar de referencias de alimentación
19 mar 2026 . Actualizado a las 18:04 h.A etiqueta eco inundou o mercado e a vida. Grandes superficies lanzan liñas verdes, abrollan coma cogomelos as tendas especializadas, celébranse feiras e cursos de cociña e as casas énchense de tixolas, chuvasqueiros e bolsas de algodón respectuosas. Pero cantos saben que, no medio deste rebumbio comercial engordado por grandes corporacións con moito ánimo de lucro, na Coruña existe unha tenda ecolóxica da que son propietarios os seus propios consumidores? Que levan máis de 15 anos traballando con agricultores locais para traer cada semana alimentos frescos? Que, antes da invasión das etiquetas, defenderon o valor da proximidade, a conciencia, o traballo xusto e a defensa dun entorno natural san? E que nunca van subir os prezos antes de que suban os seus propios aprovisionamentos?
Todas estas preguntas conflúen nun nome sonoro, Zocamiñoca, unha cooperativa de consumo aberta desde o 2009 no barrio do Castrillón (avenida da Concordia 199) que semanalmente (mércores e xoves) recibe a visita dos produtores coas súas caixas cheas de víveres e detrás deles os socios, pertrechados coas súas bolsas para recoller e levar, seguros do que mercan e contentos de contribuír a un modelo a escala humana, xusto coas persoas e o territorio.
Zocamiñoca agrupa a máis de 150 familias (moitas delas, unipersoais) que cada semana realizan medio centenar de pedidos de produtos frescos a través da web. Xuntas sosteñen a actividade dos máis de 10 produtores que fornecen á cooperativa. O catálogo inclúe 200 referencias de fresco, entre verdura, froita, lácteos, panadaría, ovos, repostaría e carne, e máis de 800 referencias de seco, incluíndo fariñas, pastas, legumes, arroces, sementes, conservas, chocolates, doces, cafés, zumes, artigos de hixiene, cosmética ou limpeza.
Zocamiñoca demostrou que é posíbel desenvolver un modelo de produción e distribución alimentaria no que a comunidade decide que consume e de que xeito, forxando unha alternativa responsable fronte á última carnada, o auxe da etiqueta eco a gran escala.