A escritora Marisa Castro presenta este venres na Coruña a novela «Soño de liberdade»

A Coruña LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

A escritora Marisa Castro Cerceda, coa súa segunda novela,  Soño de liberdade .
A escritora Marisa Castro Cerceda, coa súa segunda novela, Soño de liberdade .

En clave etnográfica narra a loita dunha moza que tenta romper teitos de cristal nunha aldea da Galicia de mediados do século XX

12 mar 2026 . Actualizado a las 18:58 h.

A escritora Marisa Castro Cerceda presenta este venres na Coruña, a súa  novela Soño de liberdade (Hércules de Ediciones), onde narra en clave etnográfica a vida dunha muller do medio rural galego. No acto, na libraría Lume, estará acompañada pola editora Laura Rodríguez e polo xornalista Alfonso Andrade. Vinculada ao proxecto Voz Natura, de La Voz de Galicia, desde 1997 e docente e investigadora na Universidade de Vigo durante 31 anos, Castro gañou o Premio Martín Sarmiento pola súa novela anterior, A saga das curandeiras. Nesta ocasión volve ao campo galego para contar os oficios tradicionais e a forma de vida das súas xentes na segunda metade do século XX a través da mirada dunha moza, Sabela Couto, que tenta romper teitos de cristal na súa loita por saír dun mundo de homes que reservaba para a muller un papel irrelevante, e por acadar a formación que desexaba para poder emanciparse e traballar fóra do fogar.

Ao fuxir do seu círculo de submisión no que vivían a súa nai e a súa avoa, percorre un itinerario vital que, afastado daquelas tarefas agrícolas da súa aldea, a leva a cidades coma Lugo, A Coruña ou Barcelona, onde toma contacto coa realidade dun país en transformación que a autora revela nas páxinas da súa novela.

Marisa Castro (Lugo, 1955) é un referente no mundo da micoloxía, no que, entre outros moitos logros nunha traxectoria chea de premios e publicacións científicas, fundou o Grupo Micolóxico Galego Luis Freire. Polo uso e a defensa do galego na ciencia recibiu no 2022 o Premio Lois Peña Novo.