Volta ao territorio máxico

A CORUÑA CIUDAD

Zona de Catro Camiños na Coruña nos anos sesenta.
Zona de Catro Camiños na Coruña nos anos sesenta. ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Non é por presumirmos, pero mentres estivo La Voz alí, a rúa Concepción Arenal era un dos lugares máis céntricos e multitudinarios da cidade.

29 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1964 tiña eu sete anos. Acababa de chegar á Coruña procedente dunha pequena vila mariñeira, e ao pouco de coñecer o meu barrio, sen que o soubera ninguén, fixen a miña primeira incursión en solitario para coñecer algo daquela urbe enorme chea de rúas, leiras, gardas de branco e semáforos. Baixei desde Santa Margarita pola avenida de Fisterra ata a praza de Pontevedra, e de aí, non sei por onde fun, aparecín en Catro Camiños. Hoxe a cidade ten tres rondas, e daquela non estaba rematada nin a primeira, a de Nelle: A Falperra colgaba do monte e alá abaixo estaba recén feita a igrexa de san Pedro de Mezonzo.

Pero a min o que me impresionou daquel centro fantástico que era Catro Camiños foron catro cousas. Unha, o grande que era, tan espazoso: poñíaste á beira da Estación de Servicio e aquilo parecía inmenso. A segunda, o garda de tránsito subido nun tallo pequeno no medio da rúa, acenando todo o tempo, mirando ás veces para a Palloza e rodeado de casas de grandes galerías. A terceira era importantísima: a fonte redonda tan impresionante, botando auga sen parar, que pola noite disque era de cores fascinantes. Eu non paraba de mirar para ela, con ganas de achegarme e poñer a man, pero contívenme por medo ao garda de branco, que me ía ver se cruzaba a rúa ata aquel monumento. Que gran cidade!

E a cuarta cousa que máis me impresionou foi aquel edificio xigante, todo de cristal, que escintilaba e brillaba coas enormes xanelas ao sol da tardiña. Pareceume o espello da gran cidade, o corazón no que se movía todo o que ocorría naquelas rúas, no Muro, no Parrote, en Ánimas, onde estaba a gamela do meu pai, en toda Galicia! Si: era o que anunciaba arriba, en letras moi vermellas e grandes: La Voz de Galicia.

Tiven que esperar ata os dezaoito anos para entrar naquel edificio, tan emblemático para a cidade e tan fundamental para o xornalismo galego. Hoxe é marabilloso volver pisar a mesma casa onde tanto medrou o diario que se fixo esencial para o seu país. Alí chegou La Voz de Galicia no ano 1958 procedente de Puerta Real, onde se instalara en 1886, e alí se fixeron o mellor periodismo e as mellores artes de impresión durante máis de 40 anos, ata que primeiro a rotativa e logo a redacción e todos os servizos centrais de La Voz foron para o polígono de Sabón.

Non é por presumirmos, pero mentres estivo La Voz alí, a rúa Concepción Arenal era un dos lugares máis céntricos e multitudinarios da cidade. Sobre todo de noite, coa rotativa funcionando, as atadoras facendo paquetes diante dos viandantes e os Land Rover entrando e saíndo para cargar e levar os periódicos. Aquela rúa non durmía. Todos os bares estaban abertos toda a noite para dar ceas e atender a xornalistas e ás xentes que traballaban no Muro, a lonxa de pesca que daba vida á cidade. La Voz sempre tivo de veciños a grandes motores económicos da urbe na que naceu: daquela, a actividade pesqueira, a Fábrica de Tabacos e mesmo a terraza de Estrella Galicia, fronte ao xornal; agora a súa sede central a carón dos grandes edificios de Inditex.

Pero antes, cando entrabas na sede de Concepción Arenal, aquilo tiña moita maxia. Uns poucos chanzos para gañar altura e xa estabas na entrada da gran nave do taller. Antes de que chegaran os primeiros ordenadores, dúas ringleiras de linotipias facían a gran avenida central, a Rúa Real onde se compoñía liña a liña todo o periódico. Era o territorio do rexente, que repartía todos os orixinais que chegaban da redacción e logo facía que cada título volvese enmaridar co seu texto e a súa foto. O taller fotográfico estaba nun extremo e era grande, como se fose o barrio de Monte Alto. Alí chegaban todos os carretes sen revelar desde Vigo, Ourense ou A Mariña, e comezaban o seu longo camiño ata aparecer a foto na páxina. E ao seu carón se montaban as planas e se preparaban para iren á rotativa.

Se fotomecánica era Monte Alto, a planta de impresión era como todo o Orzán e Riazor, alí aos seus pés. Primeiro estivo instalada a rotativa Winkler Fallert, que se trasladou de Puerta Real e se remontou en Concepción Arenal nun fin de semana: imprimiu por última vez no antigo domicilio o domingo 16 de febreiro de 1958, e na madrugada do martes 18 xa funcionaba no novo emprazamento. A máquina de fabricación suíza estivo traballando alí ata o 1966, cando foi substituída pola primeira rotativa que mercou Santiago Rey Fernández-Latorre, a Wifag que imprimiría o xornal en Catro Camiños ata 1982.

Ata dez anos despois, no 1992, cando se inaugurou a planta de impresión en Sabón, foi Concepción Arenal o lugar máxico do xornalismo. Alí se facía todo o labor que permitía sacar á rúa o xornal. A redacción central ocupaba o segundo andar e desde alí se coordinaban as redaccións locais espalladas por toda Galicia. Na planta primeira, enriba do taller, estaban administración e publicidade, e na terceira, a xerencia, onde se tomaban as grandes decisións que fixeron de La Voz de Galicia o primeiro xornal da comunidade e o terceiro de España. Xa o advertira Santiago Rey en 1966, cando inaugurou a rotativa Wifag: «Puedo afirmar que si buenos fueron los principios y es magnífico el presente, venturoso habrá de ser el porvenir».

O seu impulso durante seis decenios fíxoo posible. Os que teñen hoxe o compromiso de continuar a súa obra non puideron ter mellor idea ca recuperar para La Voz de Galicia ese territorio máxico de Catro Camiños, onde medrou e se fixo grande o mellor xornalismo galego. Cando poida, achéguese a velo, porque aquí é onde se escoita a voz de todos os galegos.