O dereito a soñar en Catro Camiños

Manuel Rivas
Manuel Rivas A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

Pinto & Chinto

As redaccións, sobre todo en horas crepusculares, eran lugares de proximidade, de comunicación, de encontro, de liberdade, onde oír tamén a palabra contraria, coa sintonía de fondo das máquinas de escribir ou os timbres dos teléfonos e as alertas do teletipo

29 ene 2026 . Actualizado a las 09:41 h.

Aquel predio de Catro Camiños era o epicentro xornalístico na psicoxeografía da cidade e de Galicia enteira.

O primeiro que a saudade lembra era a escaleira. O mozo que eu son está a subir con impaciencia, chanzo a chanzo, como quen pisa as pedras prismáticas que levan dunha beira a outra.

A sede da Voz foino sempre, un epicentro, pero o que eu máis vivín foi aquel tempo de abaneo histórico, dende o cambalear da ditadura até a plena integración na Unión Europea, ese período de vertixe que chamamos Transición. Con tantas xeiras de excitación política, social e cultural, e cando as rotativas dos xornais eran dalgún xeito locomotoras da historia.

O mozo vai subindo as escaleiras. Tamén para el é un tempo de excitación creativa. Leva un portafolios baixo o brazo onde bulen ideas de artigos, reportaxes, entrevistas. Un portafolios de palabras que estaban desexando brincar nas teclas. Mark Twain, un mestre da retranca, dicía que grazas á bondade divina os gringos gozaban de tres bens de inconmensurábel valor: «A liberdade de palabra, a liberdade de conciencia e a prudencia de non poñer en práctica ningunha delas». Pola contra, para nós aquel era un tempo, xaora!, de gozar deses bens, de poñer en práctica as liberdades. De exercer o dereito a soñar. Lera iso en Gaston Bachelard e parecérame un estrelampo, un norte a seguir na vida. Que o primeiro dos dereitos humanos debería ser o dereito a soñar sen medo.

Así que esta saudade que lembra, que sobe as escaleiras de Catro Camiños, pouco ten que ver coa perda, coa tristura. É unha memoria que vai ao rescate, que fai de socorrista na pequena historia.

Eu comecei a traballar no Ideal Gallego cando tiña 15 anos, en 1973. Facía de todo. Ía por tabaco ou por noticias que traían os choferes dos coches de liña. Estudaba no Instituto de Monelos e pola tardiña saía como unha bala para a redacción na rúa Teresa Herrera. Licencieime en Ciencias da Información na Complutense, pero nunca deixei de traballar. Na redacción do semanario galego Teima. Na delegación do Faro de Vigo e La Región de Ourense. E logo colaborei con intensidade unha longa tempada en La Voz de Galicia.

Estas redaccións eran as mellores escolas de xornalismo, mais tamén escolas de democracia. Por aquelas escaleiras subía moita xente que tiña cousas que contar. Sobre todo, que necesitaba contalas. Eses intres en que a lingua bate onde doe o dente. Un camiño sen asfaltar, unha inxustiza laboral, unha escola con pingueiras, o barrio sen auga e luz, o reclamación dun paso elevado na Avenida para que non morrese atropelada a xente como na ruta Ho Chi Minh... Asociacións de veciños, grupos de operarios, mariscadoras en loita, agrupacións culturais, comisións de festas. Particulares con boas ou malas noticias. Artistas, máis ou menos bohemios. Sen faltar, os personaxes singulares ou con vento nas pólas. As redaccións, sobre todo en horas crepusculares, eran lugares de proximidade, de comunicación, de encontro, de liberdade, onde oír tamén a palabra contraria, coa sintonía de fondo das máquinas de escribir ou os timbres dos teléfonos e as alertas do teletipo.

Facíase moito «xornalismo de rúa» e iso propiciaba tanto a competencia como a cooperación entre os diferentes medios. Tampouco faltaban os ruxe-ruxe, as bromas e os ferretes. Naquel tempo, unha das novelas de referencia xornalística era Conversación en La Catedral, para min a mellor de Vargas Llosa. Alí onde o protagonista, o mozo xornalista Santiago Zavala, pregunta: «¿En qué momento se había jodido el Perú?». La Catedral era un bar. A Coruña tiña moi boas «catedrais». Cafeterías, tabernas, garitos onde aboiaba a conversa do impublicábel, a historia underground da cidade. Nesa saudade psicoxeográfica, lembro en especial o Bar do Porto, ese peirao de embarque e desembarque onde nunca se esgotaba o stock de S. O. S.

Para min, aquela tempada na Voz foi unha experiencia moi fértil, na que escribín sen cancelas. Mesmo lembro algunhas cousas que, cando saían do maxín, dubidaba se verían a luz por demasiado excéntricas ou ousadas. Como, por exemplo, o folletín No mellor país do mundo, con 77 capítulos que se publicaron ao longo de 1990. Presentouse como esperpento cómico. Era o tempo, segundo o folletín, do virreinato de D. Manuel, e unha das ficcións que se narraban era unha espectacular viaxe de Manuel Fraga a Cuba, correspondida con outra travesía imposíbel, a de Fidel Castro a Galicia. Houbo certo escándalo, mesmo xente que se anoxou comigo, porque unha cousa era o humor e outra aquela «carallada». Pero resulta que a invención fíxose realidade tan só un ano despois, en setembro de 1991, cando o presidente da Xunta decidiu viaxar á illa caribeña cunha gran comitiva na que non faltaron gaiteiros e polbeiras. E o comandante devolveu a visita, sendo agasallado cun cabalo na cidade do Apóstolo. Iso si que era política internacional e non o que estamos vendo.

O traslado das sedes dos xornais do centro das cidades á periferia das zonas industriais, que foi un proceso xeneralizado, coincidiu coa gran revolución tecnolóxica. Non só mudaron as «ferramentas». Cambiou o propio mester do xornalista. Cada mesa de redacción converteuse tamén en taller. Cambiou o xeito de facer xornalismo e o xeito de relacionarse coa xente e coa rúa. O mundo apantallouse. Agora a «rúa» é o móbil. Nas redaccións, aquel espazo que bulía, adoita haber hoxe un silencio de acuario.

A Tonino Guerra, o guionista da película Amacord e outras moitas xoias, preguntáronlle xa na vellez a que atribuía o fin do neorrealismo italiano, esa época xenial do cinema. E el deu unha resposta moi sorprendente por sinxela: «O neorrealismo rematou cando os guionistas deixaron de coller o bus».

Non conto isto para comparalo co xornalismo, mais algo hai, o do contacto coa xente, coas voces baixas, para explicar a crise existencial que vive esta profesión, sendo como é máis necesaria que nunca.

Por iso alégrame moito esta volta da Voz á raíz urbana de Catro Camiños. Polo que ten de símbolo. Un epicentro. Un Punto Cero do xornalismo, dende o que se trazaron meridianos e paralelos para tantas navegacións.

—E que facemos agora? —dígolle á saudade.

—Pois ir a unha «catedral». A celebralo!