A concellería de Cultura logra que a programación desta agrupación coruñesa sexa interpretada en Cambados
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Orquesta Gaos coruñesa presentou onte a súa programación de concertos para a nova temporada que comeza en decembro deste ano. Fíxoo con sorpresa, pois no acto preparado na capital herculina non estaban presentes solo autoridades locais, senón que tamén participaba Liso González, edil de Cultura do Concello do Cambados.
O motivo é que o salón Peña será escenario de varios dos concertos interpretados pola Gaos. Case toda a programación inclúe datas tanto na Coruña como en Cambados.
Trátase dunha colaboración que xurdiu, explica o concelleiro de Cultura, trala actuación ofrecida por esta agrupación no propio salón Peña o pasado marzo: «O director gustoulle o espazo, pensou que a orquestra podía sonar ben no salón e o concerto funcionou, houbo moita demanda». Ante o éxito da cita, dende a concellería viron unha oportunidade de continuar coas boas sinerxías.
A Gaos caracterízase pola súa labor formativa de incipientes talentos musicais. De feito, boa parte da oferta que aterrará na vila consistirá en concertos didácticos, pensados para achegar a música sinfónica a un público máis novo, nos que un profesor guiará aos asistentes e achegará información das pezas interpretadas e dos seus compositores.
O 23 de decembro será a primeira das datas. Ese día, a orquestra e o coro Gaos unirán forzas coa escola de danza Druída por unha boa causa. A recadación do concerto, no que se poderá gozar das bandas sonoras de filmes como Star Wars, ET ou Cómo entrenar a tu dragón, irá destinada a asociación benéfica Padre Rubinos.
A seguinte cita, baixo o título Futuro, terá lugar o 28 de febreiro e será unha das poucas ocasións en que Cambados presencie antes que A Coruña un dos concertos da Gaos. Os intérpretes serán Álvaro Martínez Ruíz, Sofía Vidal e Celia Órpez, tres rapaces con idades comprendidas entre os dez e os quince anos, gañadores da segunda edición das Xornadas de Flauta de Galicia. Interpretarán obras de Gluck, Chopin e Borme. A orquestra completará o programa coa Guía de Orquestra para Xóvenes, de Britten.
O 18 de abril será quenda do Concerto para fagot e orquesta do compositor italiano Rossini, interpretado polo fagotista Esteban García. Unha velada que será completada coa suite La boutique fantasque de Respighi sobre temas do compositor italiano.
Por último, Groove! chegará a Cambados o 27 de xuño, na que o acordeonista Nuno Estévez fará de solista mentres a orquesta interpreta pezas de Bernstein, Galliano, Copland e Márquez.
Liso González amosouse moi ilusionado coa oportunidade de contar coa presenza dunha agrupación deste calibre na vila e confía na boa resposta da poboación: «Espero que teña unha excelente acollida».