Cántigas da Terra abrirá este domingo o ciclo de Coros Galegos cun roteiro entre a Colexiada de Santa María e o Teatro Rosalía de Castro
02 oct 2025 . Actualizado a las 09:59 h.Un ano máis, Cántigas da Terra organiza o Ciclo de Coros Galegos na cidade da Coruña. O evento, un dos máis estables na programación do folclore coruñés, cumpre vinte anos preservando e divulgando a tradición galega en xornadas e concertos nos que as diferentes manifestacións da cultura popular pasan polo escenario.
Neste aniversario, a institución quere achegar a programación á cidadanía completando os habituais espectáculos do Teatro Rosalía de Castro cunha oferta variada de actividades paralelas.
Este novo formato estréase o próximo 5 de outubro, ás sete da tarde, coa primeira destas actividades: O canto da Cidade Alta, un roteiro musical conducido polo músico e escritor coruñés Xurxo Souto. As formacións Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense) acompañarán a Cántigas da Terra poñendo a música a un paseo polo casco vello no que o público poderá coñecer de primeira man a vinculación das formacións vocais coruñesas coa cidade e o seu patrimonio. O percorrido finalizará nas portas do teatro Rosalía de Castro, onde os catro coros históricos interpretarán conxuntamente unha obra. A programación continuará, xa dentro do teatro, coa estrea do Conxunto instrumental de Escolas da Terra, o proxecto educativo da entidade coruñesa.
A segunda xornada desta edición terá lugar na última fin de semana de outubro, e comezará cunha charla impartida polo filólogo Xosé Manuel Sánchez Rei (sábado 25, Fundación Luís Seoane) titulada Aproximación ao cancioneiro tradicional da Coruña. O domingo 26 de outubro a programación seguirá no Teatro Rosalía cunha mostra no clásico formato do Ciclo, onde Cántigas da Terra estará acompañado polos grupos Airiños de Fene e Armadanzas de Laraño.
O Ciclo de Coros Galegos pechará esta edición o 29 e 30 de novembro convidando á reflexión sobre o pasado e futuro das agrupacións corais, comezando coa palestra Por outros cen anos de foliada! do musicólogo Luís Costa (sábado 29, 12.00 horas Fundación Luís Seoane) e un posterior faladoiro no que representantes de coros galegos, tanto históricos como de recente creación, debaterán sobre o papel destes en relación á música tradicional. A xornada de clausura terá lugar, unha vez máis, no Rosalía, onde o Coro da Rá compartirá cartel con Cántigas, amosando a vixencia do formato coral na música actual nunha actuación o 30 de novembro ás 19.00 horas.