Mago Teto, artista do Cascarillarte: «A programación cultural da Coruña na rúa é sorprendente»
A CORUÑA CIUDAD
O ilusionista ourensán actuou na praza Elíptica co seu espectáculo «Alquimista»
27 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Héctor Guerra (Viana do Bolo, 1977), o Mago Teto, realizou o seu primeiro espectáculo de maxia no instituto. Dende aquela, converteuse nun dos referentes da maxia galega cunha gran variedade de shows.
—Ten varios espectáculos, ségueos facendo todos por igual?
—Agora mesmo teño cinco ou seis en xira. Este verán o que máis fixen foi o Rock n' Magic, que combina maxia e música en directo. Logo tamén está Afiador, para espazos naturais, Alquimia, o do Cascarillarte que o acostumo a facer en teatros pero desta vez é en exterior. Despois tamén está As nosas letras, que trata sobre escritores e escritoras galegas.
—Son moi diferentes entón.
—Cada día é un espectáculo distinto e a cabeza xa tolea. É algo que me mantén con ganas. Por exemplo Rock n' Magic vai ter unha continuación con música en galego de Siniestro Total, Los Suaves, Os Diplomáticos ou Heredeiros. Neste espectáculo xunto dúas das miñas paixóns: a música e a maxia.
—En que consiste Alquimia?
—Debe ser un dos máis veteranos. Póñome no papel dos alquimistas, uns nómades que percorrían o mundo co obxectivo de atopar a pedra filosofal, que concedía riqueza e vida eterna. Neste show plantexamos atopar a pedra filosofal dirixida ao corazón, a felicidade.
—É a súa primeira vez no Casacarillarte?
—Si, é a primeira vez. Na Coruña xa actuei en distintos espazos pero neste festival é a primeira vez.
—Que supón para vostede actuar neste programa organizado polo Concello?
—A programación cultural de A Coruña sempre é sorprendente. Dá gusto ver todos os carteis de grupos que van actuar no Coliseum. Neste caso nas festas de María Pita hai unha aposta moi forte por espectáculos de rúa, de clown, de maxia, de música...
—Nos teus espectáculos atópanse máis nenos ou adultos?
—Normalmente público familiar: os nenos e nenas tiran polos pais. Por exemplo, nos Rock n' Magic é curioso que hai xente nova á que lle gusta o rock.
—Nos seus 30 anos de traxectoria, que variou no público, nos espectáculos ou en vostede?
—Os insultos do tempo, fundamentalmente. Nos espectáculos eu traballo moito co simbolismo entón hai xogos que facía hai 20 anos que non terían sentido a día de hoxe, e viceversa. Con todo, hai algúns que siguen aguantando e a música segue sendo rock and roll.
—Goza de boa saúde a maxia en Galicia?
—Está moi guay. Distintos concellos, Deputacións e Xunta apostan pola maxia e penso que Galicia é un bo lugar. Tamén hai que crear espectáculos que motiven as persoas e sexan diferentes.