«A Academia de José Bandín foi un faro para a xuventude de Asados»

PILAR SAMPEDRO

A CORUÑA CIUDAD

ABRALDES

Lembra que o Partido Galeguista tivo na parroquia 150 afiliadosXosé Ramón Branco Buxán Ensaísta

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:10 h.

Conversamos cun home que nos confesa, oufano e de entrada, que a súa infancia transcorre nun contexto socio-histórico moi polarizado: por un lado sometido ao silencio e ao terror da implantación dunha ditadura, após a guerra, provocada por un golpe de Estado. Unha infancia que é a súa patria (como nos deixou dito R. M Rilke), e que recorda como «un mundo contraposto de luz e esperanza que respiraba dunha atmosfera fornecedora de coñecementos e de formas de aprehender».

?Que significado ten para ti nacer en Asados?

—A localización concreta dunha orixe é moito máis ca unha cuestión xeográfica; Asados é para min un locus tecido pola historia, as tradicións e as contribucións intelectuais, civís e relixiosas da súa contorna. É unha fonte de identidade, un vínculo emocional e cultural que me axudou a formarme e a comprometerme na defensa deses valores.

Os golpistas rabenaron as esperanzas depositadas nos programas reformistas do goberno da II República (agrarias, relixiosa, educativas, de promoción cultural ou do problema territorial etc.). Debemos ter en conta que, en 1936, o Partido Galeguista tiña o maior número de afiliados de Galiza en Asados, 150, onde figuraban 27 mulleres, e a isto temos que engadir a existencia de dúas bandas de música, e a fundamental Academia de don José Bandín, un faro para a xuventude que, a través «dun ensino por libre», permitíalle aos nosos pais sufragarnos unha formación máis ampla.

?Actualmente vives na Coruña e participas da asociación cultural Agra do Orzán. Que destacarías desta asociación (que eu tomo como modélica a nivel galego)?

—Concordo con esa valoración de «modélica», xa que non é simplemente unha asociación de veciños sen ánimo de lucro na procura do ben común e da súa defensa (que non é pouco). É moito máis.

Conformada democraticamente por un grupo de persoas moi comprometidas que están a desenvolver un amplo programa socio-cultural (formación instrumental e musical, canto popular, lectura de poesía, baile tradicional, labores manuais, conferencias, e unha serie de actividades na rúa, como a Foliagra). Un piar esencial na construción dunha comunidade dinámica e conscientes do seu valor cultural e lingüístico, pois na Agra do Orzán conviven máis de trinta identidades culturais. Unha asociación, da que me sinto moi orgulloso, orientada pola visión do mestre e poeta Ricardo Seixo, convencido de que a suma de pequenas accións colectivas locais non só xeran espazos de encontro e diálogo, senón que tamén teñen un impacto global na defensa e promoción da identidade galega. A asociación está presidida e conformada por mulleres que non funcionan como «correa de transmisión» de ningún partido político, senón que están ao servizo e defensa dos intereses e necesidades da colectividade.

—Os teus dous últimos libros son ensaios publicados pola editorial galega de referencia neste xénero, Laiovento. Que nos podes dicir ao respecto?

—En primeiro lugar, agradecer a Laiovento, non só a edición deses dous textos, senón o seu compromiso cos escritores e cos textos en galego. Unha editorial que durante os últimos 35 anos leva publicados máis de 600 títulos, contribuíndo á construción de Galiza ao divulgar a súa cultura e defender as letras galegas.

No primeiro deles analizo como o sistema capitalista de mercado que impera nas chamadas democracias occidentais necesita adaptar a escola ao proxecto económico neoliberal mediante un novo modelo de organización, transformando o carácter público, universal e gratuíto nun modo particular de mercadorías con capacidade de xerar enormes oportunidades para facer negocios. Defendo no texto a hipótese de que a presenza do coronavirus non é a causa dos futuros cambios estruturais que abordará o sistema para superar os problemas provocados polo virus, senón que representa unha escusa moi ben acaída para acelerar os procesos de implantación dos novos modos de produción da chamada Cuarta Revolución Industrial (Revolución Dixital 4.0).

O segundo representa unha crítica ao consumismo, asociado co Nadal, onde se reflicte como esta festividade, que orixinariamente tiña unha forte compoñente espiritual e familiar, foi absorbida pola cultura capitalista ata transformala nunha época dominada pola compra masiva de bens materiais, na que o valor das persoas e os sentimentos parecen quedar relegados a un segundo plano.

?Que podemos facer ante este consumo desaforado?

—Desde distintos medios xorden diversas formas para solucionar ou, cando menos, paliar este desbalde, mais seleccionamos dúas vías desde ópticas contrapostas: a vía do decrecemento, que impulsa unha transición cara a unha sociedade onde o consumo de enerxía e de recursos naturais se adecúe ao ecoloxicamente sostible. E a vía da «sobriedade por elección», orientada a mitigar a crise ecolóxica ao modificar os hábitos de consumo da xente; esta vía coloca a responsabilidade do desbalde no consumidor, e privatiza a resposta á crise ecolóxica. Unha liña relacionada coa posverdade que enmascara a realidade.

Integrador e humanista

Xosé Ramón Branco Buxán naceu en 1944 en Asados, ese lugar do Barbanza que nos trae á memoria ao poeta vangardista Manuel Antonio, o grupo de teatro Airiños (o afeccionado máis antigo de Galiza sempre en galego, mesmo durante a ditadura) e ao que foi o seu director, Xesús Santos (mestre, escritor e tamén impulsor, xunto co cura e poeta de Isorna, Faustino Rey Romero, da Romaría Wikinga), Xosé Luís Axeitos (académico da RAG) ou Santiago Agrelo (franciscano e ex arcebispo de Tánxer).

Conta cunha historia de vida e un currículo integrador e humanista. Estudou Enxeñería Técnica Agrícola e traballou no campo tecnolóxico científico, pero tamén realizou estudos en Ciencias da Educación onde se doutorou coa tese A muller e o sistema educativo: actitudes sociais, poder político e ideoloxía dominante: estudio dun caso: Concello de A Coruña 1970-1985, dirixida por Herminio Barreiro, membro do grupo Brais Pinto. Un máster en migracións internacionais enriquece a súa formación e achega esa outra vía de compromiso.

Ten publicado Acoso e demolición do sistema público de ensino. Covid ? 19: causa ou efecto?, un ensaio que identifica as pegadas da cultura neoliberal no sistema educativo na forma de procesos de privatización e individualización, que se fundamentan na estigmatización, segregación e degradación do ensino público, e de como a presenza da covid-19 acelerou os procesos privatizadores desencadeados polo plan Bolonia mediante a implantación intensiva das TIC.

Consumismo extremo

A última publicación é Nadal e consumismo. Lucrativas realidades sociais baseadas en invencións. Neste ensaio aborda como o Nadal foi transformado pola sociedade capitalista nun período de consumismo extremo, desmonta as falacias consumistas do neoliberalismo, e cuestiona ideas erróneas como o desenvolvemento medido polo PIB e a crenza de que o consumismo proporciona felicidade; conclúe apelando a unha ética dun consumidor que fomente a sustentabilidade fronte ao consumo irresponsable. Laiovento, a editora galega especializada en ensaio, é quen publica estas dúas obras. 

E na actualidade é de destacar, tamén, a participación de Xosé Ramón Branco no asociacionismo veciñal da Agra do Orzán (A Coruña)